O Concello de Frades suspende a cabalgata de Reis por Ponte Carreira e amplía o horario da gran Festa de Reis no polideportivo
O Concello de Frades anuncia a suspensión da cabalgata de Reis prevista para a tarde deste domingo 5 de xaneiro polas rúas de Ponte Carreira así como o canón de neve. Unha decisión tomada ante as malas previsións meteorolóxicas, que avisan de choivas con posibles refachos de vento para esa xornada, polo que o Concello opta por suspender as dúas actividades previstas ao aire libre e incrementar as iniciativas e o horario da gran Festa de Reis no polideportivo municipal.
Así, a Festa de Reis adianta media hora o seu inicio e atrasa noutra media hora a súa fin, desenvolvéndose entre as 16:30 e as 20:30 horas. No polideportivo terá lugar a tradicional recepción a Melchor, Gaspar e Baltasar, que escoitarán as últimas peticións da rapazada e repartirán lambonadas.
Paralelamente haberá inchables, animación musical, bailes, xogos, obradoiros, varias mascotas, pintacaras, máquina de flocos de millo... A Festa de Reis rematará cunha degustación de balde de chocolate con roscón para todas as persoas asistentes. A participación é libre e de balde, sen que sexa preciso ningún tipo de inscrición previa.