spacer
As veciñas de Frades disporán de servizo de transporte gratuíto ao hospital Xil Casares de Santiago para acudir ás citas de mamografía

O Concello de Frades informa de que o Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama ofrece un servizo de transporte gratuíto para todas aquelas veciñas que teñan cita na Unidade de Exploración Mamográfica situada no Hospital Xil Casares de Santiago de Compostela. Un servizo de ida e volta que terá lugar os días 28, 29, 30 e 31 de xaneiro e o 3, 4, 5 e 6 de febreiro con dúas paradas cada día en:

  • Abellá (diante do Bar Novo) ás 7:30 e ás 11:30 horas.
  • Papucín (diante da Igrexa) ás 7:40 e ás 11:40 horas.
  • Vitre (no cruce xeral) ás 7:45 e ás 11:45 horas.
  • Campoduro, Céltigos (no cruce da N-634) ás 7:50 e ás 11:50 horas.
  • Ponte Carreira (campo da feira) ás 7:55 e ás 11:55 horas.

As citas de mamografía serán enviadas por SMS ao teléfono móbil que a usuaria puxera como teléfono de subscrición na súa tarxeta sanitaria. Nese SMS recibirán un link co horario e paradas indicadas. De non ter incluído este teléfono, a cita chegará por correo postal ao domicilio, xunto a unha folla informativa do servizo de transporte.

Como novidade, aquelas veciñas que desexen modificar a súa cita poderán facelo a través da aplicación SergasMovil. Un cambio que deberá realizarse sempre ANTES da cita, xa que non poderá anularse ou cambiar a cita se a data xa está pasada. Ademais, aquelas citas que sexan cambiadas a datas posteriores ao 6 de febreiro xa non terán opción ao servizo gratuíto de autobús, polo que terán que desprazarse a Santiago pola súa conta. 

Neste sentido, lembramos que o Concello de Frades ten en marcha dende o ano 2022 un servizo de bono-taxi, que permite desprazar gratuitamente a veciños e veciñas de Frades a centros sanitarios do Sergas. Un servizo ao que poden acceder persoas que vivan soas, teñan máis de 65 anos ou sexan maiores de idade cunha discapacidade igual ou superior ao 65% e que non dispoñan de vehículo propio (ademais de carecer de ingresos superiores ao 85% do IPREM anual da unidade familiar). Máis información.

O Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama atende a mulleres de idades comprendidas entre os 50 anos (cumpridos) e os 74 anos e que non presenten ningún síntoma. Calquera muller que presente síntomas (bulto, mancha, cambio de forma, etc) debe acudir ao seu médico de cabeceira para ser atendida e valorada, independentemente da súa idade.