O Concello de Frades pon en marcha a súa Campaña de Compostaxe Doméstica 2025
O Concello de Frades pon en marcha a Campaña de Compostaxe Doméstica 2025, coa que dá continuidade ao programa iniciado no ano 2019 e no que participan actualmente unhas 250 familias do municipio. Así, o Concello entregará composteiros de 400 litros aos veciños e veciñas que o soliciten e que dispoñan de vivendas unifamiliares cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 m2 de extensión. As solicitudes poden facerse directamente no Concello de Frades (981 695 567) ou enchendo unha solicitude online a través da web municipal.
O concelleiro do Medio Rural, Manuel Ferreiro, explica que “o obxectivo da campaña é recuperar unha tradición asentada no rural galego, como era a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, e aproveitar as vantaxes que esta práctica supón tanto a nivel ambiental como económico”. De feito, tendo en conta que a materia orgánica representa o 42% dunha bolsa de lixo tipo, ao recuperala estanse evitando as emisións de CO2 á atmosfera propias da súa recollida e tratamento.
O composteiro, dunha capacidade para 400 litros, debe emprazarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Esta campaña de concienciación e educación ambiental en relación á separación selectiva de biorresiduos e compostaxe domiciliaria en Frades está promovida polo Concello de Frades, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, e co financiamento da Unión Europea a través dos fondos NextGeneratioEU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
