Gran éxito do intercambio xeracional “Lecturas compartidas cos nosos maiores”, que terá continuidade nos próximos meses
Un total de 24 nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Primaria do CPI Ponte Carreira visitou onte luns o centro sociocomunitario de Frades, onde deron lectura a dous contos diante de 23 persoas maiores usuarias do centro. Trátase do proxecto “Lecturas compartidas cos nosos maiores”, posto en marcha polo CPI Ponte Carreira, a través do equipo de dinamización da lingua galega e da biblioteca do centro, en colaboración co Concello de Frades.
O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, felicitou ao profesorado do CPI Ponte Carreira: “paréceme unha iniciativa do mellor do mellor. Eu sempre crin nos encontros interxeracionais e o éxito desta actividade é boa proba diso. Se algo temos que facer dende unha Administración é coidar dos nosos maiores, pois grazas a eles somos o que somos, e para fomentalo hai que ensinarllo aos nosos nenos e nenas, que son os noso futuro”. Por iso aceptou de inmediato a proposta do profesorado de dar continuidade a esta actividade: “no Concello de Frades estamos á vosa disposición para o que precisedes e sumamente agradecidos de ver a maiores e rapazada desfrutando xuntos”, apuntou.
E é que a gran participación e as boas sensacións que a actividade deixou tanto nas persoas maiores como nos propios nenos e nenas fixo que dende o profesorado do CPI de Ponte Carreira suxeriran a realización dunha segunda sesión antes de que remate o curso. Unha proposta que foi recibida cun unánime e forte aplauso por parte de todas as persoas presentes no centro sociocomunitario.
Contacontos
A actividade deu comezo pasadas as 11:00 horas, logo da chegada do alumnado camiñando dende o colexio. No centro sociocomunitario de Frades agardaban un total de 23 maiores, que viron como catro dos pequenos daban lectura a dous contos ilustrados: “Animais de compañía”, de Manuel Lourenzo González; e “Sacapenas”, de Anthony Browne.
Unha vez rematada a lectura, a rapazada explicou que os bonecos quitapenas son unha antiga tradición de Guatamela baseada nunha antiga tradición maya: cando os meniños tiñan problemas ou pesadelos, antes de ir durmir pola noite contábanllo aos quitapenas, uns bonequiños que colocaban debaixo da almofada. Ao amencer supoñíase que todos os problemas desaparecían.
Por iso, os nenos e nenas do CPI Ponte Carreira repartíronse polas mesas do centro sociocomunitario para elaboraren canda os maiores cadanseu quitapenas, uns pequenos bonecos de menos de 10 centímetros feitos a man con paus, lá e plastilina, ademais de silicona para pegar as distintas pezas. Uns bonecos que cada maior decorou coas cores e vestidos acordes aos seus gustos.
Dende a EDLG do CPI Ponte Carreira apuntaron que comezan dende xa a pensar na próxima actividade, barallando mesmo a posibilidade de facer unha pequena representación teatral. Dende o Concello de Frades xa garantiron todo o seu apoio á iniciativa.
