Visita institucional á asociación de veciños Río Samo
A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, e o alcalde de Frades, Roberto Rey, visitaron hoxe a asociación de veciños Río Samo, onde mantiveron unha reunión coa directiva da entidade para coñecer de primeira man as súa necesidades e os proxectos realizados nos últimos anos. Unha visita na que estiveron acompañados polos voceiros dos grupos municipais do PSOE, Enrique Astray, e do BNG, Belén Pazos.
Durante a visita, Capelán destacou a importancia das subvencións de promoción económica impulsadas pola Deputación para a mellora das infraestruturas no rural. A través desta liña de axudas, a asociación Río Samo recibiu nos últimos anos apoio económico para a construción do peche da pista multiusos situada detrás da súa sede, a conservación do palco da música e melloras no parque infantil, no aparcadoiro e na área recreativa da Fraga do Petón.
"Estas axudas son fundamentais para garantir que as entidades veciñais conten con espazos axeitados para o seu funcionamento e para ofrecer mellores servizos e actividades á súa comunidade", afirmou Cristina Capelán. A visita rematou cun percorrido polas instalacións renovadas, onde a directiva da asociación solicitou novo mobiliario urbán para dotarse dunha área recreativa.