spacer
A Festa da Merenda de Aiazo (Frades) chega este domingo 13 de abril á maioría de idade

A área recreativa Os Pasos, na parroquia de Aiazo (Frades), acollerá este domingo 13 de abril a edición número dezaoito da Festa da Merenda, que organiza a asociación de veciños “Os Pasos” en colaboración co Concello de Frades. Unha festa que dará comezo ás 12:00 horas, coa degustación gratuíta das merendas elaboradas baixo unha carpa pechada e que rematará ben entrada a noite, coa verbena a cargo da orquestra París de Noia e o grupo Unión y Fuerza.

A partir do mediodía, unhas 30 cociñeiras comezarán a preparar as tortillas de masa, que se poderán degustar de balde con cada consumición ou comprar para levar en caixas de pizza. Unhas merendas elaboradas cunha base común elaborada con ovos, auga e fariña, pero despois cada cociñeira daralle o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).

Durante a mañá, a sesión vermú estará amenizada polo grupo Unión y Fuerza. Como todos os anos, haberá xogos infantís, postos de artesanía, food-truck, cantina e polbeira aberta todo o día, así como a novidade dun posto de xeados artesáns. Pola tarde, a música seguirá o ritmo da Charanga BB+ e, a partir das 19:00 horas, terá lugar a tradicional verbena con Unión y Fuerza e a Orquestra París de Noia.

Tanto a degustación de merendas como os xantares faranse baixo grandes carpas, xa que as previsións meteorolóxicas a día de hoxe indican choiva. A organización facilitará varias zonas de aparcamento na contorna do campo da festa, xa que o acceso de automóbiles á área recreativa só estará permitido para carga e descarga ata as 12:00 horas. 

As persoas que desexen colaborar co financiamento da Festa da Merenda poderán facelo adquirindo os tradicionais panos conmemorativos (1,5 euros), as rifas para o sorteo dunha cesta (3 euros) ou un novo pack de pano, camiseta e cunca conmemorativa por 12 euros. A XVIII Festa da Merenda está organizada pola asociación de veciños Os Pasos de Aiazo, en colaboración co Concello de Frades, a Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Ordes, a través do proxecto Nantronte.