spacer
Milleiros de persoas desfrutan en Frades da XVIII Festa da Merenda de Aiazo

A Festa da Merenda de Aiazo (Frades) chegou á súa maioría de idade. E fíxoo calcando practicamente a programación da pasada edición, unha das máis concorridas da historia desta festa que comezou hai dezaoito anos como unha homenaxe a un produto dos tempos da fame durante a posguerra e que hoxe en día se ten convertido nunha das festas que máis mocidade reúne en toda a comarca. 

A pesar das pésimas previsións meteorolóxicas das últimas semanas, que aseguraban fortes choivas tanto nos días antes como na propia xornada festiva, finalmente só choveu o sábado, pero foi tan leve que non afectou para nada nin aos accesos á festa nin ás áreas de aparcamento previstas pola Asociación de Veciños “Os Pasos”, organizadora da festa en colaboración o Concello de Frades, a Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Ordes, dentro do proxecto Nantronte.

Unha realidade á que non foron alleos os milleiros de persoas que se foron achegando pola área recreativa de Aiazo conforme ía avanzando a mañá e que culminaron coa sesión vermú do Grupo Unión y Fuerza e da Charanga BB+, onde o campo da festa estaba totalmente ateigado de xente bailando, comendo e degustando as merendas. A ausencia de precipitacións tamén permitiu que a área recreativa estivera totalmente ocupada por tendas e xantares de familias e grupos de amigos.

Degustación

A gran novidade desta dezaoito edición da Festa da Merenda de Aiazo estivo nos fogóns, cun significativo incremento no número de cociñeiras e, sobre todo, cociñeiros. Se ben dende sempre os homes adoitaban quedar máis en funcións de organización dos accesos e aparcamento, este ano media ducia deles puxeron o mandil e comezaron a servir merendas xunto as súas compañeiras e un bo feixe de axudantes. A base das merendas era común para todos/as: ovos, auga e fariña, pero despois cada chef dáballe o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o seu tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).

Ademais das degustacións gratuítas na carpa, a organización continuou un ano máis coas vendas de merendas para levar a casa en caixas de pizza, co logotipo da Festa da Merenda e que se vendían a 3 euros unha merenda e a 5 euros dúas. Entre as novidades deste ano houbo varios stands: un da Asociación de Veciños “Os Pasos”, onde se podían mercar panos, vasos e camisetas para colaborar coa organización da festa; outro da Mancomunidade de Ordes, promovendo o xeodestino turístico Terras de Ordes; e un punto violeta contra a violencia de xénero. Canda eles, os tradicionais postos de inchables, xogos infantís, food-trucks, un photocall e, como novidade este ano, un posto de xeados artesáns.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, felicitou a todas as persoas da asociación polo seu excelente traballo ao longo destes dezaoito anos que permitiron que “hoxe poidamos presumir en Frades de contar cunha das grandes citas gastronómicas e de lecer que se fan en Galicia, grazas a un produto tradicional e ao cariño co que o elaboran estas cociñeiras”. 

Porque o que comezou sendo unha festa nocturna dunha parroquia e dirixida a persoas de mediana e avanzada idade, converteuse nos últimos anos nunha festa de todo o día dirixida a distintos grupos de idade, especialmente a mozos e mozas. De feito, os grupos de amigos chegados de distintos concellos da comarca e de fóra dela (Santiago, Arzúa, Melide, Betanzos...) desfrutaron dunha xornada de lecer na área recreativa e da música da orquestra París de Noia, do Grupo Unión y Fuerza e da Charanga BB+.

Milleiros de persoas desfrutan en Frades da XVIII Festa da Merenda de Aiazo