spacer
A X Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades, entre os cinco mellores circuítos da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña vén de facer pública a listaxe de carreiras do XI Circuíto de Carreiras da provincia. Nela, a X Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades ocupa unha posición destacada, situándose na quinta posición con 125,6 puntos. Un logro especialmente meritorio, pois este recoñecemento converte a esta proba deportiva na mellor valorada da comarca.  

O Concello de Frades, o municipio máis pequeno do top ten desta listaxe, leva dez anos impulsando esta carreira que se consolidou como unha das probas populares con maior participación da comarca de Compostela e arredores. Unha década na que preto de 4.000 atletas competiron polas rúas, sendeiros e estradas de Frades nunha proba que cada ano atrae máis participantes. 

Un top ten encabezado pola XIV Sin-son 10k de Porto do Son, a XIII Carreira Popular Concello de Carballo, a XLIV Carreira Internacional de Negreira e a XXIV Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. Tras a proba de Frades, completan as dez mellores carreiras puntuadas a XII Carreira Nocturna Corre por Ferrol, a XI Carreira Popular Concello de Rianxo, a XIII Carreira Pedestre Concello de Vimianzo, a V Carreira Pedestre Clásica Gandeira de Santa Comba e a XX Carreira Popular Mar de Boiro.

Na comarca ordense, a única proba incluída no XI Circuíto de Carreiras Deputación da Coruña é a XXVIII Carreira Popular Concello de Ordes, no posto 31 e cunha puntuación de 67,10 puntos, 58,5 puntos menos que a X Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades.

X Carreira Pedestre Popular

O vindeiro 1 de maio celebrarase a décima edición da tradicional Carreira Pedestre Polar de Frades. Este evento deportivo, organizado polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo, terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha lonxitude de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta. 

As persoas que desexen participar teñen que inscribirse a través da páxina web www.emesports.es antes do luns 28 de abril. As anotacións nas probas escolares son gratuítas (sub 6, sub 8, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16 e sub 18) mentres que os adultos (sub 20, sub 23, senior e Master 1, 2, 3 e 4) deberán aboar 6 euros. 

Premios

O Concello de Frades destina máis de 2.000 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros), tanto na categoría masculina como feminina; así como para os tres mellores equipos (150, 100 e 50 euros). A maiores, repartiranse vales de 100, 50 e 30 euros en material deportivo para os clubs que máis participantes acheguen á categoría escolar.

Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. Tamén se entregarán trofeos especiais aos tres primeiros equipos masculinos e femininos, así como para os tres primeiros clasificados/as empadroados/as en Frades. Así mesmo, haberá medallas para todos os participantes escolares.

A X Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades, entre os cinco mellores circuítos da provincia da Coruña