spacer
O alcalde de Frades reúnese coa delegada da Xunta para seguir avanzando en vías de colaboración entre ambas administracións

A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Frades, Roberto Rey, e o concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro. A delegada e o rexedor abordaron a situación do proxecto de reforma e mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Ponte Carreira. Neste senso, o rexedor informou de que o Concello trasladará, en breve, os axustes realizados respondendo ás últimas melloras solicitadas para este proxecto pola Xunta, xa que esta actuación atópase en fase de supervisión por Augas de Galicia para executalo en canto sexa posible.

No encontro a delegada tamén informou ao alcalde de que as obras previstas do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) no camiño municipal OAR en Abellá, comezaran en 15 días, cun investimento de preto de 100.000 euros. Na reunión tamén  tiveron ocasión de repasar outras necesidades deste concello e analizaron o estado dos proxectos de cooperación conxunta coa Dirección Xeral de Administración Local. Concretamente, o rexedor informou que este Concello solicitou, para este ano, dúas obras dentro da orde Infraestruturas, unha en solitario para a mellora do viario de Castiñeiro a Redondo solicitando unha axuda da Xunta de 50.000 euros e outra con Oroso de mellora da seguridade viaria en Añá pedindo un apoio do Goberno autonómico de 40.000 euros.

Ademais, outros dos proxectos solicitados foi a través da orde do Fondo de Compensación Ambiental Competitiva (FCA) para a posta en marcha dun servizo de protección do medio ambiente e do espazo natural en colaboración con Ordes por un importe de 48.000 euros.

Finalmente, Frades tamén rematará este ano as melloras de eficiencia enerxética realizadas no edificio multiusos que contaron cunha achega de case 60.000 euros dos fondos FEDER eficiencia enerxética 24-25 e ten solicitados outros 119.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética no centro de saúde de Ponte Carreira, con estes mesmos fondos, para os anos 25-26.

Belén do Campo destacou a importancia de manter un diálogo continuo cos representantes das administracións locais e de coñecer de primeira man as súas necesidades para, desta forma, acertar coas iniciativas que vaian en beneficio dos cidadáns.

O alcalde de Frades reúnese coa delegada da Xunta para seguir avanzando en vías de colaboración entre ambas administracións