O Concello de Frades vén de convocar as axudas económicas a entidades culturais, clubs deportivos, asociacións de veciños e calquera outra entidade de interese social que fomente a participación cidadá na vida municipal. Unhas axudas ás que destinará un total de 33.450 euros e que poden solicitarse ata o vindeiro 21 de xuño. 

As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica municipal, o Rexistro Xeral Municipal ou calquera outro medio previsto pola lexislación. “A nosa intención é seguir colaborando economicamente coas entidades culturais, deportivas, asociacións veciñais, Anpas, asociación de mulleres rurais, grupos folclóricos... que promovan a participación dos veciños e veciñas na vida municipal”, explica Roberto Rey, alcalde de Frades.

Poderán acceder a estas axudas todas as asociacións legalmente constituídas e con personalidade xurídica no municipio, así como as agrupacións de persoas físicas e xurídicas sen personalidade xurídica constituídas para a consecución dos fins subvencionables. En ambos os dous casos as entidades deberán carecer de fins de lucro, desenvolver as súas actividades no termo municipal, estar inscritas no Rexistro de Entidades do Concello de Frades, non ter pendente de xustificar ningunha subvención e atoparse ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias co Concello.

Serán gastos subvencionables os derivados das actividades realizadas (transporte, contratación de persoal, material...), obras e melloras en bens inmobles, ata o 40% dos traballos realizados por persoal voluntario non remunerado pertencente á asociación e os gastos de funcionamento vencellados directamente coa realización dunha actividade (neste caso ata un máximo dun 10%). Non serán subvencionables os gastos de manutención e os gastos xerais non vencellados á realización da actividade.