spacer
Máis de 500 persoas celebraron a XXVI Festa dos Maiores do Concello de Frades

Máis de cincocentas persoas participaron na XXVI Festa dos Nosos Maiores do Concello de Frades, que tivo lugar este sábado na carballeira de San Nicolao. Unha celebración que estivo presidida polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, á fronte da corporación municipal, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños.

Roberto Rey agradeceu a asistencia de todos os maiores a este xantar de confraternidade e tivo tamén palabras de lembranza para José María Botana López, fillo predilecto do Concello de Frades quen sempre adoitaba asistir a esta celebración. Así mesmo, aproveitou para entregarlle unha figura da casa consistorial a Perfecto Rodríguez, en recoñecemento pola súa asistencia a esta festa nos tres últimos anos.

A XXVI Festa dos Nosos Maiores comezou coa tradicional misa das 13:30 horas. Ás 14:00 horas, mentres os comensais se acomodaban nos seus asentos, a música correu a cargo do dúo Eva e Camilo, quen volveu actuar ao final da festa e non foron poucos os que se animaron a botar unhas bailas. O xantar, servido polo restaurante Casa Taboada (Touro), estivo composto de empanada, polbo á feira, xarrete, sobremesa (bica e xeado) e café.

O tempo acompañou, cunha xornada sen sol pero cunha temperatura moi agradable durante o xantar e que animou a moitos dos presentes a saír á carballeira para desfrutar de xogos antigos aos que xogaban cando eran cativos (tres en raia, rá, chave...). A música correu a cargo dos grupos folclóricos locais Son da Terriña (Galegos) e Sarillo (Aiazo), que mesmo se animaron a tocar varias pezas xuntos. 

Homenaxe aos de máis de 90

Unhas actuacións que precederon á tradicional homenaxe ás persoas presentes que superaban os 90 anos, un total de 14 maiores:

  1. Manuel González Neira (Papucín), 93 anos.
  2. Julia García Francos (Galegos), 92 anos.
  3. Mariana Lagos Carro (Abellá), 94 anos.
  4. Arturo López Rodríguez (Aiazo), 90 anos.
  5. Manuel Manteiga Núñez (Abellá), 90 anos.
  6. Emilia Pardo Miranda (Abellá), 90 anos.
  7. José Paz Fernánez (Papucín), 91 anos.
  8. Emérita Pernas Pereira (Gafoi), 95 anos.
  9. Flora Ponte Suárez (Papucín), 91 anos.
  10. Visitación Prado Suárez (Moar), 92 anos.
  11. Encarnación Rodríguez Bascoy (Abellá), 90 anos.
  12. Manuela Rodríguez Bascoy (Abellá), 92 anos.
  13. María del Carmen Rúa Pardo (Añá), 90 anos.
  14. María Encarnación Sánchez Meijide (Moar), 90 anos.
Máis de 500 persoas celebraron a XXVI Festa dos Maiores do Concello de Frades