Clausurados os obradoiros de emprego Brañas do Illó-Río Samo VII e Mancomunidade de Ordes IV, que formaron a 40 alumnos e alumnas
A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na clausura dos obradoiros de emprego Brañas do Illó-Río Samo (compartido polos concellos de Ordes, Frades e Mesía) e Mancomunidade de Ordes IV (organizado polo ente supracomarcal do que forman parte os concellos de Ordes, Oroso, Tordoia, Trazo, Frades, Mesía e Cerceda). Un acto no que estivo acompañada polos alcaldes de Frades, Roberto Rey; Ordes, José Luis Martínez; Mesía, Mariano Iglesias; Oroso, Alexander Doval; Trazo, Josefina Suárez; Tordoia, Antonio Pereiro; a presidenta da Mancomunidade de Ordes, Susana García, e a concelleira de Benestar Social de Cerceda, Catrina Queijo.
Así, no obradoiro Brañas do Illó-Río Samo VII formáronse 20 persoas en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. Un taller de emprego de 9 meses de duración que foi posible grazas a un investimento da Xunta de case 423.000 euros. O alumnado levou a cabo 32 actuacións de mantemento e plantacións en áreas de lecer, fincas municipais, paseo fluviais, prazas, piscinas municipais, puntos limpos, áreas recreativas, parques e campos de fútbol de Frades, Mesía e Ordes.
No caso concreto de Frades, o obradoiro de emprego Brañas de Illó-Río Samo VII permitiu acometer actuacións de mellora nas áreas recreativas da Ponte Carballa (Abellá), Os Pasos (Aiazo) e A Presa (Ledoira), na praza de Ponte Carreira (Gafoi), no campo de fútbol de Vitre, na piscina municipal (Papucín), no punto limpo (Céltigos), no parque do Cabezo (Abellá) e na finca do local social de Ledoira.
Mancomunidade
O segundo obradoiro, Mancomunidade de Ordes IV, formou a outros 20 alumnas e alumnos, en pintura industrial de construción e instalación de elementos de carpintería. Na parte práctica deste curso acometéronse rehabilitacións na estación de tren de A Pontraga-Parada (Ordes), no local social de Aiazo (Frades), no local social de Oa (Trazo) ou na estación de ferrocarril de Trasmonte (Oroso).
Belén do Campo destacou que “estes talleres de formación son unha ferramenta moi útil para que as persoas desempregadas poidan reciclarse en sectores con elevada demanda de traballadores e traballadoras, e tamén para reforzar os servizos e dotacións municipais”. Neste sentido, explicou que “ademais de recibir unha gran formación da man de excelentes profesionais, realizan unha labor que, en última instancia, beneficia aos veciños e veciñas dos municipios participantes mellorando os seus espazos públicos e instalacións municipais”.
Obradoiros 24-25
A representante do Goberno autonómico informou que a comarca de Ordes conta, nesta convocatoria 24-25, con 3 obradoiros duais grazas a un apoio da Xunta de máis de 1.260.000 euros (Ordes, Frades e Mesía; a Mancomunidade de Ordes; e Trazo, Cerceda, Oroso e Tordoia). Na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9,3 millóns de euros para formar 440 persoas sen traballo.
Finalmente, Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 persoas sen traballo. Na convocatoria de 2024-2025, ofrecéronse 9 meses de formación con contrato de traballo e coa posibilidade de inserción posterior en empresas da contorna. O alumnado, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, obtén un certificado de profesionalidade. A Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal...), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.
