O Concello de Frades inviste case 65.000 euros nunha senda peonil para mellorar a seguridade dos veciños e veciñas de Añá
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, visitaron esta mañá as obra de mellora da seguridade no viario que conecta a praza e o núcleo de Añá coa igrexa e o camposanto parroquial. Unha senda en dous tramos, que suman de 285 metros de longo e 1,5 metros de ancho, construída mediante 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón.
Unha actuación limitada exteriormente por un bordo de formigón e que conta coa canalización de pluviais, cos correspondentes pozos de rexistro e arquetas sumidoiros. A pesar de que o prazo de execución das obras é de seis meses, o alcalde Roberto Rey indica que “os traballos avanzan a bo ritmo, polo que agardamos que nos próximos días xa poida quedar rematada e permita mellorar a seguridade viaria dos numerosos veciños e veciñas de Añá, que antes tiñan que compartir o camiño cos coches e que agora dispoñen dunha senda peonil e un sistema de recollida de pluviais que evitará que se enlame a zona en caso de choiva”.
Esta actuación supón un investimento de 64.692 euros, dos que o Concello de Frades achega un 10% e o resto é financiado grazas a unha achega da Xunta de Galicia, a través do programa de Creación, Mellora e Ampliación de Servizos Básicos Locais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.