spacer
A delegada da Xunta e os alcaldes de Frades e Oroso comproban as melloras en Castiñeiro Redondo

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polos alcaldes de Frades, Roberto Rey, e de Oroso, Alex Doval, comprobou as melloras executadas de renovación do viario de acceso a Castiñeiro Redondo realizadas co apoio da Xunta, a través da orde de Infraestruturas de uso público nunha axuda conxunta concedida a Frades e Oroso. O Goberno galego destinou máis de 47.000 euros á renovación deste viario.

Con motivo desta visita, a representante do Goberno autonómico informou que no tramo de Frades renovouse a capa de rodaxe do viario dividido en dous treitos de 630 metros e 285 metros, así como 200 m² de abanicos e no tramo de Oroso actuouse na mellora da capa de rodaxe doutros dous treitos de 120 metros e 315 metros, así como 100 m² de abanicos. A actuación contemplou un tratamento asfáltico semiprofundo.  Completaron as dúas actuacións a roza e limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e a sinalización horizontal co pintado de liñas de bordo e símbolos.

Belén do Campo destacou que con esta obra conxunta dos dous concellos favorécese o acceso ao cemiterio e a igrexa de Marzoa e a saída cara Sigüeiro cara o outro lado pola estrada da Deputación. “Con este cambio de firme, puntualizou, se aforra tempo aos veciños e se mellora a seguridade viaria nunha zona rural cun alto porcentaxe de persoas maiores”.

A delegada da Xunta destacou que neste ano 2025 recibiron estas achegas cinco concellos da comarca da Ordes: Oroso (case 28.000 euros para a humanización dun espazo destinado a parque en Sigüeiro), Frades (40.000 euros para a mellora da seguridade viaria en Añá), Ordes, Trazo, e Cerceda. Ademais, Frades e Oroso obtiveron esta segunda axuda conxunta para este viario do Castiñeiro. O investimento total na comarca é  de máis de 223.000 euros.

Orde 2025

Estas axudas, que contaron cun orzamento en Galicia, de 3,5 millóns de euros, enmárcanse  no  compromiso da Xunta co eido local, especialmente cos municipios de menor poboación, xa que está destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes. As achegas concedidas, por concorrencia competitiva, poden cubrir ata o 80% do gasto de creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Así, a convocatoria inclúe actuacións nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

Administración local

Ademais, Belén do Campo destacou que este concello tamén recibiu outra axuda do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local para concellos de menos de 15.000 habitantes de case 60.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética do pavillón polideportivo de Ponte Carreira e da sala de ximnasia de Abellá. Ademais, reciben outros case 59.000 euros dos fondos FEDER (2024-2025) para melloras de eficiencia enerxética no seu edificio multiúsos. Finalmente, Frades tamén contará con outro apoio conxunto con Ordes do Fondo de Compensación Ambiental competitiva de case 37.000 euros para o servizo de protección do ambiente e do espazo natural nestes dous municipios.

A delegada da Xunta e os alcaldes de Frades e Oroso comproban as melloras en Castiñeiro Redondo