A conselleira de Medio Rural visita as obras de renovación da ponte da Maquía, que mellorará as comunicacións entre Frades e Ordes
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez; acompañada polos alcaldes de Frades, Roberto Rey, e Ordes, José Luís Martínez, visitou esta mañá as obras de renovación da ponte da Maquía sobre o río Samo, onde se están investindo algo máis de 317.000 euros para mellorar as comunicacións entre os concellos de Frades e Ordes. Unha visita na que tamén participaron a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
A titular de Medio Rural explicou que esta actuación facilitará o tránsito de vehículos agrícolas e impedirá os asolagamentos nos terreos adxacentes cando se produzan enchentes. Trátase dun investimento “en favor da poboación rural” para afondar na mellora da súa mobilidade e favorecer a saída das producións do agro cara os mercados. Sinalou que esta iniciativa forma parte do compromiso do Goberno autonómico a prol das infraestruturas rurais, unha aposta que, como destacou Gómez, segue manifestando nos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o ano 2026, con 4,2 millóns de euros para este concepto.
O alcalde de Frades valora esta actuación sobre o río Samo, comprometida pola Consellería de Medio Rural nunha reunión mantida o 9 de agosto de 2023 e corroborada tres semanas despois pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural xunto co arranxo da ponte de Brates, entre Frades e Boimorto, xa executada. Neste sentido, destacou a importancia da actuación da Maquía á hora de facilitar o tránsito dos tractores e maquinaria pesada, xa que a anterior ponte era máis estreita.
Aposta polo desenvolvemento rural
A conselleira apuntou tamén que de cara ao ano que vén contémplase ademais unha partida de 16,7 millóns de euros para seguir impulsando procedementos de reestruturación parcelaria, ferramentas claves para dinamizar o rural e mellorar a competitividade das explotacións; ou os 17,7 millóns de euros para o Plan Camiña Rural, deseñado para actuar en vías municipais. Así, Gómez asegurou que o executivo galego aposta polo desenvolvemento rural “con feitos, orzamentos e con políticas de apoio aos concellos”.