O Concello de Frades abre mañá venres a campaña de Nadal de recollida de alimentos para familias necesitadas
O Concello de Frades, en colaboración con Cáritas, abre mañá venres a súa tradicional recollida de alimentos para as familias necesitadas do municipio. A campaña, que se organiza por undécimo ano consecutivo, estará aberta ata o 19 de decembro.
Este ano engádese un novo punto de recollida: o supermercado Claudio de Abellá, que se suma aos tradicionais de Progando e o salón de peiteado Patricia Tacón (Abellá), os supermercados Claudio e Tandy (Ponte Carreira), a Cooperativa Central de Frades (Ledoira), o CPI Ponte Carreira e a propia Casa do Concello. Poderán entregarse alimentos básicos: leite, aceite, azucre, pasta, arroz, legumes, conservas... que non estean caducados, non teñan superado a data de consumo preferente e estean debidamente etiquetados.
O Concello de Frades fai un novo chamamento á colaboración veciñal, que en anteriores edicións permitiron recoller unha media de mais de 300 quilos por campaña. Así mesmo, pon á disposición da veciñanza os teléfonos dos Servizos Sociais municipais (981 69 55 67) e de Cáritas (647 120 228) para resolver calquera dúbida.