spacer
O Concello de Frades solicita o apoio da Xunta para adecuar a Aula de Cultura do multiúsos para acoller actuacións culturais

O alcalde en funcións do Concello de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, e o concelleiro de Cultura, Juan Carlos Portos, mantiveron esta mañá unha reunión co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na que lle presentaron sendas memorias valoradas para adecuar a Aula de Cultura do edificio multiúsos para acoller actuacións culturais e para colocar un teito interior en madeira de castiñeiro na nave dianteira da capela de San Roque (Moar).

Manuel Ferreiro salientou “a boa acollida do conselleiro á nosa proposta de mellorar as instalacións do multiúsos de Frades, toda vez que a da mellora da capela de San Roque é algo que se ten que tratar en profundidade co arcebispado” e puxo en valor que “o multiúsos de Frades é unha das instalacións que maior número de actividades culturais e sociais acolle no municipio e con estas actuacións buscamos mellorar as condicións desa sala á hora de acoller espectáculos e actuacións culturais”.

Así, o Concello de Frades solicitou a colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para acometer unha serie de obras na Aula de Cultura do multiúsos, así como para dotalo dun novo equipamento. Entre as obras solicitadas figuran a instalación dun novo solo de vinilo con textura e acabado en cor madeira impermeable, un chan máis resistente ao desgaste, antideslizante e anti manchas; así como o pintado do interior da aula. Entre o equipamento pedido figuran un escenario modular pregable, un monitor de 65 pulgadas para a realización de presentacións, clases ou cursos; así como seis mesas e corenta cadeiras para o alumnado que participe nesas sesións.

Con estas actuacións, o Concello de Frades busca dar continuidade ás melloras realizadas en 2025 co apoio da Xunta de Galicia, que permitiron a impermeabilización e illamento da cuberta do multiúsos, así como a renovación das luminarias e equipos de alumeado interior e a rehabilitación enerxética das instalacións térmicas, incluíndo a instalación dun sistema de ventilación. Ferreiro Marzoa fixo fincapé diante do conselleiro en que “estas instalacións son moi empregadas polos veciños e veciñas de Frades xa que aquí teñen lugar os cursos de formación, actividades para persoa adultas como pilates ou as actuacións e festas de Entroido ou Nadal, polo que estamos mellorando o edificio pouco a pouco e grazas á colaboración da Xunta de Galicia”.

O Concello de Frades solicita o apoio da Xunta para adecuar a Aula de Cultura do multiúsos para acoller actuacións culturais

Capela de San Roque

No caso da capela de San Roque, os concelleiros de Frades deron traslado da necesidade de colocar un novo teito en madeira no interior da nave dianteira da capela de San Roque, na parroquia de Moar. Un teito en madeira de castiñeiro cun tratamento protector contra xilófagos e acabado con aceite natural, cera o lasur transpirable.