spacer
Belén do Campo visita dúas empresas de Frades beneficiarias en 2025 das liñas de axuda destinadas ao sector forestal

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá dúas empresas do Concello de Frades que resultaron beneficiarias, o pasado ano, das liñas de axuda destinadas ao sector forestal: Explotaciones Forestales Souto Carrillo S.L. e Meilan e Guerra S.L. Unha visita na que estivo acompañada polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez; o alcalde en funcións, Manuel Ferreiro Marzoa; e a concelleira de Benestar Social, Ánxeles Álvarez Carro.

No caso de Meilan e Guerra S.L., a empresa recibiu unha subvención próxima aos 160.000 euros, que lle permitiu incorporar unha procesadora a través da orde para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, movilización e comercialización de produtos forestais da liña 2 de Madeira e Biomasa, que supuxo unha porcentaxe da axuda do 40%.

Pola súa banda, Explotaciones Forestales Souto Carrillo S.L. foi beneficiaria de dúas achegas. A primeira, superior de 160.000 euros, tamén ao abeiro da orde orde para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, movilización e comercialización de produtos forestais da liña 2 de Madeira e Biomasa, que posibilitou a adquisición dunha procesadora que supuxo unha porcentaxe da axuda do 40%. A segunda, de case 10.000 euros, da orde de valorización, segunda transformación e ecoinnovación dos produtos forestais, así como á dixitalización e á mellora da seguridade e saúde laboral, coa que a empresa puido optimizar o seu sistema de trazabilidade, da liña 3 de dixitalización, cunha porcentaxe de axuda do 50%.

Estas dúas liñas ordes supuxeron, o ano pasado, un importante respaldo para empresas da comarca de Ordes concretamente recibiron estas achegas 6 empresas de Frades, Ordes e Oroso, cun investimento global que supera 1 millón euros, contribuíndo ao fortalecemento do tecido produtivo vinculado ao sector forestal. Na provincia da Coruña recibiron estas subvencións 49 empresas cun volumen de apoios de máis de 5,5 millóns de euros en 61 achegas.

Belén do Campo visita dúas empresas de Frades beneficiarias en 2025 das liñas de axuda destinadas ao sector forestal

Nova convocatoria de axudas

A delegada da Xunta anunciou tamén que nos vindeiros días se publicarán no Diario Oficial de Galicia as tres principais ordes de axuda da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para este ano, que mobilizarán máis de 16 millóns de euros destinados á modernización do sector, á formación e á valorización da madeira e doutros produtos forestais.

Un dos programas é o Xera Tecno, dotado con 11 millóns de euros, que inclúe liñas para a adquisición de maquinaria, mellora de instalacións, aproveitamento da biomasa, castaña ou resina, así como para a implantación de tecnoloxías de rastrexabilidade e inventario forestal, incluíndo o uso de drons. As axudas oscilarán entre os 50.000 e os 200.000 euros.

Outra das convocatorias é o Xera Valor, cun orzamento de 4,5 millóns de euros, dirixido a empresas da segunda transformación da madeira. Contempla apoios para a compra de maquinaria de deseño e fabricación de mobiliario ou elementos construtivos, automatización e dixitalización de procesos, tratamentos e acabados da madeira, certificacións, ecoinnovación ou mellora da seguridade e saúde laboral, con subvencións que poden chegar ata entre 60.000 e 250.000 euros.

Finalmente, abrirase tamén o prazo para as axudas Xera Savia, cunha dotación de 500.000 euros, destinadas a actividades formativas e divulgativas, con achegas de ata 70.000 euros.

Belén do Campo lembrou que a Xunta está a elaborar un plan director para o sector forestal-madeira, cuxo borrador foi presentado ao Consello da Xunta o pasado 19 de xaneiro, e que recolle un conxunto de medidas para reforzar a competitividade dun sector clave para a economía galega.

Durante a visita, Belén do Campo puxo en valor o peso estratéxico do sector forestal en Galicia e reafirmou o compromiso da Xunta de “seguir apoiando ás empresas que apostan pola mellora continua dos seus procesos produtivos para avanzar cara a un sector máis competitivo, moderno e sostible”. A industria forestal-madeira en Galicia está integrada por arredor de 3.000 empresas, dá emprego a máis de 13.600 persoas e factura máis de 2.400 millóns de euros anuais, representando aproximadamente o 1,7% do PIB galego. Neste sentido, subliñou que estes apoios permiten aproveitar de maneira máis eficiente os recursos forestais galegos, ao tempo que impulsan a renovación de maquinaria, equipamentos e instalacións, incrementando o valor engadido da industria forestal-madeira e mellorando as condicións laborais no monte.