Máis de 700 persoas participaron na Festa e Concurso de Disfraces do Concello de Frades
A sucesión de temporais e as constantes choivas están a condicionar as celebracións de Entroido na comarca, non so a modo de cancelación de eventos senón de incremento de asistencia naquelas festas que teñen lugar a cuberto. Así aconteceu na tarde noite de onte domingo en Frades, onde tivo lugar un dos Entroidos máis concorridos dos que se lembran, con máis de setecentas persoas enchendo o pavillón polideportivo de Ponte Carreira.
As persoas asistentes desfrutaron de inchables, obradoiros de maquillaxe, un concorrido fotomatón de Entroido, flocos de millo e chocolate quente con rosca, que por primeira vez chegou xustiño debido á gran cantidade de xente presente tanto de Frades como do resto da comarca. E, unha vez rematada a entrega de premios do Concurso de Disfraces, todas as crianzas levaron cadansúa bolsa de lambonadas para a casa.
Concurso de Disfraces
No que atinxe ao Concurso de Disfraces, repartíronse 1.200 euros en premios entre a vintena participantes nas distintas categorías. O gran premio da noite, os 300 euros do primeiro premio da categoría xeral grupo, viaxaron ata Santiago con “Elfa da Flor Eterna”, un grupo composto por unha trintena de mulleres cuns vestidos moi elaborados e unha divertida coreografía de baile. Os outros dous premios da categoría xeral, modalidade grupo, viaxaron fóra de Frades. Os 150 euros do segundo premio foron para “Super Mario Family” (Curtis) e os 75 euros do terceiro viaxaron ata o veciño concello de Mesía, con “Zootrópolis de Mesía”.
Os premios especiais do Concello de Frades recaeron en “A granxa de Frades”, que interpretaron as quince familias das tres casas niño do municipio (Axóuxere, Xoaniña e Garatuxa), que levaron os 125 euros do primeiro premio. O segundo premio de 75 euros foi para “Heidi nos Alpes Mesoneros”, de Mesos (Frades), cunha representación da popular serie animada. Finalmente, “Cando chove e fai sol”, unha divertida performance dunha familia local, levou os 50 euros do terceiro premio. A categoría adultos completouse cos premios individuais á “Locomotora dos anos 50” (Trazo) e “Maruxas ás dúas en punto” (Frades), que levaron 100 e 50€.
Categoría infantil
Finalmente, na categoría grupo infantil, os gañadores foron un ano máis un grupo do CPI de Ponte Carreira, nesta ocasión de 2º da ESO, por “O pobo durme”, unha pequena representación teatral do xogo popular do mesmo nome. O segundo premio recaeu en “Do Revés” (Frades), unha recreación da película Disney, e o terceiro foi para “As tres en punto”, tres pequenos reloxos chegados de Deixebre (Oroso). Levaron 100, 60 e 30 euros, respectivamente.
Na categoría individual, o primeiro premio de 60 euros foi para “Alienígenas con glamour” (Frades), que mesmo repartiron un folleto informativo advertindo do avistamento de ovnis no municipio. O segundo premio de 30 euros viaxou a Ordes, xunto á “Fada Libro”.
Os premios foron entregados polo alcalde en funcións, Manuel Ferreiro Marzoa, quen estivo acompañado polos concelleiros de Mocidade, Juan Carlos Portos, e Turismo, Jesús Francos. Ferreiro Marzoa agradeceu a gran participación rexistrada este ano e agradeceu a colaboración de todo o persoal municipal e dos voluntarios que fan posible a realización deste festival.