O Concello de Frades reparte material divulgativo do Día da Muller entre a comunidade escolar e os maiores do centro sociocomunitario
O alcalde en funcións, Manuel Ferreiro, visitou esta mañá ao alumnado do CPI Ponte Carreira, entre os que repartiu unhas pequenas mochilas serigrafiada coa lenda: “Frades. 8 M. Día Internacional da Muller”. Unha acción que terá continuidade esta tarde entre a rapazada de Abellá, que estuda no colexio de Xanceda (Mesía).
Ferreiro Marzoa agradeceu a colaboración co colexio nestes eventos e asegurou sentirse “moi orgullos das mulleres de Frades, en xeral, e do CPI de Ponte Carreira, en particular. Pois tres mulleres de Frades protagonizan este ano o vídeo Mulleres Referentes da Mancomunidade de Ordes e dúas delas foron mestras neste centro durante 39 anos”. Trátase das mestras María José Lagares Carnota, que pasou en Frades 39 dos seus 41 anos como docente; e Rosario Ares Carro, mestra de inglés do CPI Ponte Carreira; así como Elena Casas Mirás, practicante no centro de saúde de Frades durante 39 anos, ata que se xubilou o pasado 2024.
As tres forman parte dun vídeo conmemorativo elaborado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes titulado: “8M. Aquí estamos: visibles, capaces, imparables”, no que comparten reflexións sobre o Día da Muller e os dereitos das mulleres xunto a outras tres veciñas do veciño municipio de Ordes. Manuel Ferreiro tivo tamén ocasión de falar con elas e de felicitalas tanto pola súa colaboración nesta iniciativa audiovisual (que poderá desfrutarse a través das redes sociais) como polos seus anos de servizo á comunidade de Frades.
Maiores
Acto seguido, o alcalde en funcións trasladouse ata o centro sociocomunitario de Ponte Carreira, lugar ata onde este ano se desprazou a lectura do manifesto polo 8 de Marzo. Unha das mulleres que participaba na clase de baile fit foi a encargada este ano de dar lectura ao manifesto, tras o que todos os maiores presentes recibiron tamén cadansúa mochila. “Este ano quixemos que as accións de concienciación e sensibilización non chegaran unicamente aos máis pequenos, senón que apostamos tamén por implicar aos maiores e poñer en valor a importancia que teñen este tipo de actos conmemorativos”, salienta Ferreiro Marzoa.
Finalmente, a Casa Consistorial acolleu un punto informativo, repartindo variado material divulgativo para informar, sensibilizar e reivindicar os dereitos da muller, reclamando a redución das desigualdades de xénero e avanzando cara unha sociedade libre de violencias machistas, sen brechas de xénero, máis igualitaria e cunha maior calidade democrática. Tres iniciativas organizadas polo Concello de Frades, en colaboración co Ministerio de Igualdade e ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.