spacer
Concello e a Xunta investirán 150.000 € na mellora da calefacción, o alumeado e a arquitectura metálica do centro de saúde de Ponte Carreira

O alcalde en funcións de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, mantivo unha reunión co xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, José Manuel Facio Villanueva, para organizar a loxística necesaria durante a execución das obras de mellora da eficiencia enerxética no centro de saúde de Ponte Carreira. “Imos acometer unhas obras que van mellorar de xeito moi considerable as instalacións e as condicións nas que se presta a atencións sanitaria no centro de saúde de Ponte Carreira, o que beneficiará tanto á veciñanza como ao persoal sanitario que aló traballa, e estivemos analizando coa Xerencia a maneira de organizar todo para que a repercusión dos traballos sexa a mínima posible para os veciños e veciñas de Frades”, sinala Manuel Ferreiro.

O proxecto “Obra de eficiencia enerxética no centro de saúde de Ponte Carreira” conta cun investimento de máis de 150.000 euros e contempla o cambio de toda a arquitectura metálica do centro de saúde de Frades, así como os seus sistemas de calefacción e de iluminación. Unha actuación que se prevé executar antes do inverno de 2026.

Un centro case novo

Por outra banda, o alcalde en funcións de Frades aproveitou a reunión para agradecerlle a José Manuel Facio “a boa disposición da Consellería de Sanidade a asinar un novo convenio de colaboración co Concello de Frades para facer unha sala de emerxencias e pintar o interior do centro de saúde, ben a finais de 2026 ben no primeiro semestre de 2027”. 

Neste sentido, Manuel Ferreiro sinala que “se a estas actuacións lle engadimos o cambio da cuberta do centro de saúde, no que investimos 50.000 euros o pasado ano 2025, practicamente quedará un centro de saúde novo para unha mellor atención aos veciños e para que os profesionais que traballan nel poidan gozar dunhas condicións óptimas para desenvolver o seu traballo”, recordando que “no que son as súas competencias municipais en materia sanitaria, o Concello de Frades está cumprindo coa veciñanza”.

Obras realizadas

Durante o 2025, e grazas a outro convenio de colaboración entre o Concello de Frades e a Consellería de Sanidade, investíronse case 50.000 euros na renovación integral da cuberta do centro de saúde de Ponte Carreira, o que permitiu rematar cos problemas de humidades que afectaban a esta instalación. Así, a antiga cuberta de chapas de aceiro foi substituída por outra de placas de policarbonato translúcidas e paneis sándwich illantes de aceiro. 

Deste xeito, o centro mellorou non so o seu illamento térmico, senón que tamén aumentou nun 90% a súa luminosidade. A maiores derrubouse un peto de fábrica de ladrillo que rodeaba o edificio e que foi substituído por canalóns para a recollida das augas pluviais, con baixantes e rebosadeiros, o que evita filtracións da auga da chuvia ao interior das instalacións e incrementa o confort dos pacientes.