spacer
Gran asistencia veciñal á charla da empresa que presentou un proxecto para instalar unha planta de xeración de biometano en Abellá

O alcalde en funcións de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, e a concelleira de Benestar Social, María Ángeles Álvarez Carro, asistiron o pasado luns á charla informativa ofrecida por responsables dunha empresa que presentou un proxecto para instalar unha planta de xeración de biometano en Abellá. Unha charla que tivo lugar no local social de Abellá e na que os veciños e veciñas puideron trasladar todas as súas dúbidas á empresa solicitante.

Manuel Ferreiro explica que “recentemente unha empresa relacionada coa xeración de biometano solicitou no Concello unha certificación de calificación urbanística dunha parcela sita na parroquia de Abellá. Conscientes da importancia que a instalación dunha planta de xeración de biometano pode ter na súa contorna, dende o Concello consideramos importante que todos os veciños e veciñas estiveran informados dende o primeiro momento do que implica esta instalación. Por iso, solicitámoslle á empresa que fixera unha presentación dese posible proxecto aos veciños e veciñas para que estes puideran aclarar calquera dúbida que poidan ter ao respecto e estar informados en todo momento”.

Neste sentido, o alcalde en funcións de Frades reitera que “dende o Equipo de Goberno queremos garantir transparencia absoluta neste tema desde o primeiro momento e comprometémonos a manter informada á veciñanza de calquera novidade. Pois o Concello está sempre cos veciños”.