spacer
Un total de 86 veciños e veciñas de Frades desfrutan dunha excursión polo norte de Portugal

Un total de 86 veciños e veciñas de Frades participaron nunha saída dunha xornada polo norte de Portugal, organizada por Excursiones Miranda en colaboración co Concello de Frades. Unha viaxe na que estiveron acompañados polo concelleiro de Cultura, Juan Carlos Portos Bra.

A expedición saíu ás 8:00 horas deste sábado da casa do concello para visitar durante a mañá a cidade de Braga e o santuario do Bon Xesús. Tras repoñer forzas cun xantar típico con bacallau e sobremesa, pola tarde fixeron un percorrido guiado pola histórica vila de Ponte de Lima, antes de iniciar a volta a Frades.

Viaxe de tres días

E para aqueles excursionistas que quedaran con gañas de máis e para aqueles veciños que desexen participar nesta ocasión, Excursiones Miranda, en colaboración cos Concellos de Frades e de Oroso, organiza unha viaxe de tres días a Portugal. A excursión terá lugar os días 17, 18 e 19 de abril e as inscricións estarán abertas ata o vindeiro 31 de marzo no 981 695 567.

A viaxe inclúe visitas ás vilas de Óbidos, Nazaré e Lisboa, así como un xantar no emblemático restaurante A Quinta da Valenciana e un paseo en tren polo xardín do Buddha Eden. Con aloxamento no Hotel Cristal Caldas da Rainha, de 3 estrelas, o prezo será de 320 euros (habitación dobre) ou de 400 euros (habitación individual). O número de prazas é limitado, polo que a admisión farase por orde de anotación, tendo sempre preferencia as persoas empadroadas en Frades e en Oroso. 

Un total de 86 veciños e veciñas de Frades desfrutan dunha excursión polo norte de Portugal