spacer
Milleiros de persoas desfrutan en Frades dunha das edicións máis concorridas da Festa da Merenda de Aiazo

A área recreativa de Aiazo empeza a quedarlle pequena á Festa da Merenda. O que arrincou hai dezanove anos, de noite e como unha festa parroquial para homenaxear a un produto que quitou moita fame durante a posguerra, converteuse nunha das festas que maior número de mozos e mozas reúne en toda a comarca.

Se a iso lle engadimos unha fin de semana soleada e un tempo por momentos do verán, temos todos os ingredientes para que a XIX Festa da Merenda de Aiazo sexa unha das máis concorridas da súa historia. De feito, este ano non só había tendas na área recreativa de Os Pasos, tamén as había por entre as árbores e en cada recuncho posible, pois a temperatura era tan boa que moitos nin chegaron montar a súa tenda para acoller os xantares.

Uns xantares nos que as familias comezan a ser “rara avis”, xa que ceden todo o espazo e protagonismo a unha mocidade chegada non só de Frades e da comarca de Ordes, senón tamén de comarcas veciñas como Santiago, Arzúa ou Terra de Melide. A súa demanda de merendas foi tal, que xusto antes do xantar e durante a actuación de DJ A30-60 resultaba case imposible degustalas canda a consumición, pois os pedidos eran tan continuos que non deixaban de saír caixas de merendas rumbo ás tendas de grupos de amigos. Merendas en caixas de pizza, co logotipo da Festa da Merenda e que se vendían a 3 euros unha merenda, 5 euros dúas e 6 euros 3 merendas.

Un incremento de afluencia que se notou no tempo de acceso, a pesar do numeroso espazo de aparcamento habilitado pola Asociación de Veciños “Os Pasos”, organizadora da festa en colaboración o Concello de Frades, a Deputación da Coruña e a Mancomunidade de Ordes, dentro do proxecto Terra Activa.

E iso a pesar do significativo incremento no número de cociñeiras e cociñeiros. A base das merendas era común para todos/as: ovos, auga e fariña, pero despois cada chef dáballe o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o seu tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).

Ademais dun divertido photocall da Festa da Merenda, este ano mantivéronse os stands da Asociación de Veciños “Os Pasos”, onde se podían mercar panos, vasos e camisetas para colaborar coa organización da festa; outro da Mancomunidade de Ordes, promovendo o xeodestino turístico “Terras de Ordes”; e un punto violeta contra a violencia de xénero. Canda eles, os tradicionais postos de inchables, xogos infantís, food-trucks... e unha polbeira que non deixou de servir xantares durante toda a xornada e que se converteu no único espazo onde as persoas de maior idade eran maioría.

O alcalde en función de Frades, Manuel Ferreiro, felicitou a todas as persoas da asociación polo seu excelente traballo ao longo destas dezanove edicións que permitiron que “hoxe poidamos estar orgullos de dicir que en Frades contamos cunha das grandes citas gastronómicas e de lecer máis importantes das que se fan en Galicia. E todo grazas a un produto tradicional, ao cariño co que o elaboran estas cociñeiras e ao traballo conxunto dunha parroquia”. 

Para a tarde quedan as actuacións da Charanga BB+ e a partir das 18:30 horas, terá lugar a tradicional verbena coas orquestras Los Satélites e Olympus, se ben a festa alongarase ata ben entrada a madrugada.

Milleiros de persoas desfrutan en Frades dunha das edicións máis concorridas da Festa da Merenda de Aiazo