A XI Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades volve figurar entre os cinco mellores circuítos da provincia da Coruña
A Deputación da Coruña volve situar a Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades no Top 5 dos mellores circuítos da provincia da Coruña durante o ano 2025. Así figura na resolución pola que se aproba a relación de carreiras que forman parte do XII Circuíto de Carreiras Deputación da Coruña, realizada en base a unha baremación realizada pola Federación Galega de Atletismo. De acordo con esta puntuación, a carreira de Frades ocupa por segundo ano consecutivo a quinta posición, sendo o municipio máis pequeno do Top 10 desta lista e a proba deportiva mellor valorada na comarca de Ordes.
Un Top 5 que se mantén sen variacións con respecto ao ano pasado, encabezado pola Sin-son 10k de Porto do Son, a Carreira Popular Concello de Carballo, a Carreira Internacional de Negreira, a Carreira Pedestre Popular Concello de Ames e a Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades. Onde si hai variacións é no resto de probas que completan as dez mellores carreiras: a Carreira Nocturna Corre por Ferrol, a XX Carreira Popular Mar de Boiro, Carreira Popular Concello de Rianxo, a Carreira Pedestre Concello de Vimianzo e a Carreira Popular da Pascua de Padrón.
En todo caso, o Concello de Frades continúa sendo o municipio máis pequeno do top ten desta listaxe e na edición de 2025 rexistrou a maior participación dos seus 11 anos de historia: 590 atletas completaron o circuíto, dos 718 inscritos inicialmente. Once anos nos que case 5.000 atletas competiron polas rúas, sendeiros e estradas do municipio. Da comarca ordense figuran outras dúas probas: a Carreira Popular Concello de Ordes (con 54 puntos) e súmase este ano o Trillazo (con 42,9 puntos).
XI Carreira Pedestre Popular
A Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades celebrará a súa undécima edición o venres 1 de maio, organizado polo Concello e a Federación Galega de Atletismo. Terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha lonxitude de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta. As persoas que desexen participar teñen que inscribirse a través da páxina web www.emesports.es antes do mércores 29 de abril.
O Concello de Frades destina máis de 2.000 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros), tanto na categoría masculina como feminina; así como para os tres mellores equipos (150, 100 e 50 euros). A maiores, repartiranse vales de 100, 50 e 30 euros en material deportivo para os clubs que máis participantes acheguen á categoría escolar.
Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. Tamén se entregarán trofeos especiais aos tres primeiros equipos masculinos e femininos, así como para os tres primeiros clasificados/as empadroados/as en Frades. Así mesmo, haberá medallas para todos os participantes escolares