spacer
A XI Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades marca o seu terceiro récord consecutivo de inscricións: 808 participantes

A Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades continúa o seu continuo crecemento e celebrará mañá venres a súa undécima edición cun novo récord de inscricións: 808 participantes, o que supón 90 máis ca en 2025 (un 12,5% máis). E iso que os 718 participantes de 2025 e os 660 rexistrados en 2024 xa marcaran cadanseu récord no seu momento.

“Para un Concello pequeno como Frades, con menos de 2.500 habitantes, contar con 808 inscricións na súa carreira é algo espectacular e iso é posible grazas á colaboración de todos, comezando polo equipo de Goberno e os patrocinadores da proba, e seguindo polos traballadores municipais, os voluntarios de Frades. os membros de Protección Civil e os técnicos de Emesports e da Federación Galega de Atletismo que se encargarán de que mañá todo saia á perfección”, apunta Lino Espiñeira, técnico de Deportes e coordinador da XI Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades.  

Unha proba que nos seus once anos de existencia foi quen de facerse un oco entre as máis valoradas da provincia, o que fixo que o número de participantes non deixara de medrar ata os 808 desta edición, o que suporá superar os 5.500 atletas participantes ao longo da súa historia. A pesar de estar organizada por un municipio pequeno e eminentemente rural, a Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades figura por segundo ano consecutivo no Top 5 de mellores carreiras do XII Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña, sendo a proba mellor valorada da comarca de Ordes.

Horarios

A XI Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase a partir das 10:00 horas do 1 de maio na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 11:30 horas, percorrerá 8,6 quilómetros nunha ruta que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun Chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas a disposición de todos os atletas no polideportivo municipal.

As probas escolares darán comezo ás 10:00 horas coa categoría Sub 18 e Sub 16, que percorrerán 3 km. Ás 10:30 horas terá lugar a saída dos Sub 14, para percorrer 2 km, seguidos dos Sub 12 e Sub 10 (800 metros), Sub 8 (500 metros ou unha volta á praza) e Sub 6 (300 metros). 

Premios

O Concello de Frades destina máis de 2.000 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros), tanto na categoría masculina como feminina; así como para os tres mellores equipos (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus 8 primeiros corredores en cruzar a liña de meta. A maiores, repartiranse vales de 100, 50 e 30 euros para os clubs que máis participantes acheguen á categoría escolar, vales que poderán cambiar por material deportivo. Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. 

O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais aos tres primeiros equipos masculinos e femininos, así como para os tres primeiros clasificados/as empadroados/as en Frades. Así mesmo, haberá medallas para todos os participantes escolares. Os trofeos non serán acumulativos, agás os correspondentes aos atletas locais.

Gañadores

Pese a levar catro anos retirada da competición, Paula Mayobre continúa sento a raíña absoluta desta proba, pois gañou en cinco das súas seis participacións. Unha senda que sigue Uxía Pérez Bugarín, gañadora das dúas últimas edicións. Completan o palmarés corredoras de renome como a maratoniana Ester Navarrete, Edymar Daniely Brea ou Sandra Mosquera. Na proba masculina hai máis variedade de gañadores, pois só Lolo Penas e Nuno Costa foron quen de inscribir o seu nome dúas veces entre os gañadores e ninguén foi quen de gañar dúas probas seguidas. O resto de triunfos foron para Víctor Rioboo, Hassan Lekhili, David Santos, Pablo Bocelo, Jorge Puis e o actual campión David de la Fuente.

A XI Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Central de Frades Sociedade Cooperativa Galega, Gofer Frutas Ordes, Froitería A Nova, Sportec Ordes, Nutri Sport, Erimsa, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Pepsico, Camba Distribuciones SL, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Supermercado Tandy, Bar Vilariño, Toribio Viqueira, Imprenta Alpi, Garabato de Xogos, Artio, As Puntadas, Feiraco, Aliviflex, Río-Optimilk, Todo Saúde Clínica Integral e Carreiras Galegas.