David de la Fuente e Eva Piñel gañan a XI Carreira Pedestre Popular Concello de Frades, que rexistra o seu récord de participación: 629 atletas cruzaron a meta de Ponte Carreira
Os atletas David de la Fuente Gómez (Playas de Castellón) e Eva Piñel Lorenzo (Club Deportivo Delikia) foron os gañadores da undécima edición da Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades, celebrada esta mañá na contorna de Ponte Carreira e que rexistrou a maior participación da súa historia: 629 atletas dos 808 inscritos inicialmente. Unha cifra que supón superar en 39 corredores a anterior marca, establecida o ano pasado con 718 inscritos e 590 cruzando a liña de meta. Así, esta mañá tomaron a saída un total de 629 atletas, 294 da categoría absoluta e 335 escolares. Para facerse unha idea do crecemento experimentado por esta proba nos últimos anos, basta con ter en conta que a proba absoluta medrou en 123 participantes entre 2024 e 2026.
Despois de once anos rompeuse por fin a única “maldición” que quedaba nesta proba e David de la Fuente foi quen de encadear por primeira vez dous triunfos seguidos en Frades. O atleta de Marín únese así a Lolo Penas e Nuno Costa, únicos corredores con dúas vitorias en Frades, se ben De la Fuente é o único que foi quen de defender o seu título. Na proba feminina, Eva Piñel inscribiu o seu nome entre as gañadoras desta proba na que foi a súa primeira participación.
Atraso polos dorsais
O tempo volveu acompañar durante toda a mañá, o que permitiu que todas as probas se desenvolveran con normalidade e que os tempos dos gañadores e gañadoras foran moi semellantes aos de edicións anteriores. Porén, a proba estivo marcada por un despiste alleo á organización, xa que a empresa encargada de monitorizar a proba esqueceu traer os dorsais dos atletas, o que motivou un desprazamento ata A Estrada para recollelos.
Uns dorsais que tiñan que estar na liña de saída ás 9:00 horas e que finalmente chegaron ás 9:50 horas, con so dez minutos de marxe sobre o horario da primeira proba, a dos sub 18 e sub 16 que finalmente tivo que atrasarse 15 minutos. Así mesmo, tamén se viviron algúns momentos de nerviosismo por parte dos participantes, especialmente dos inscritos na proba absoluta que quería recoller o seu dorsal e ir quencer pola contorna de Ponte Carreira.
Pese a todo, grazas á boa organización dos traballadores municipais e do voluntariado de Frades, coordinados por Lino Espiñeira, coordinador da carreira, todos os corredores e corredoras puideron tomar a saída sen ningún tipo de incidencia co seu dorsal. De feito, e a pesar de que as categorías sub 10 e sub 8 se desdobraron en masculino e feminino debido ao gran número de participantes (89 e 98, respectivamente), a proba absoluta saíu sen un minuto de atraso ás 11:30 horas.
Gañadores absolutos
David de la Fuente Gómez atravesou a liña de meta de Ponte Carreira cun tempo de 25 minutos e 18 segundos, rebaixando en 26 segundos a súa propia marca da edición anterior. O campión sacoulle vinte segundos Amadeo Abal Chaves, do Atletismo Surco Lucena, con quen mantivo unha forte loita durante toda a proba ata o último quilómetro de baixada, onde o atleta de Marín foi moito máis forte e rápido. Completaron os cinco primeiros postos Pablo Otero Fariña, do Bikila, cun tempo de 26 minutos e 18 segundos; Nuno Moure Fernández, do AD Fogar; e Adrián Lago Tizón, da Sociedad Gimnástica de Pontevedra.
Na proba feminina, Eva Piñel Lorenzo, do Club Deportivo Delikia, gañou cun tempo de 30 minutos e 30 segundos, rebaixando en 27 segundos a marca da gañadora do ano pasado e entrando no posto 19 da clasificación xeral. O segundo chanzo do podio ocupouno Mullunesh Marina Porteiro de Loño, da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, que fora terceira o ano pasado e que xunto a David de La Fuente foron os únicos atletas que repetiron podio en Frades este ano na proba absoluta. O terceiro posto foi para Sofía Freaza Otero, do Comes Ala Sporting Club; seguida por dúas atletas da SD Compostela Atletismo: Soledad Leiro López e Nuria Mejuto Fernández..
Outros premios
Ademais dos correspondentes trofeos, estes dez primeiros clasificados de ambas categorías levaron uns premios en metálico de 300, 200, 100, 75 e 50 euros, respectivamente. Na categoría por equipos masculina repetiuse a clasificación do ano pasado: Club Atletismo Sar, SD Compostela Atletismo e Club Atletismo Tambre (Oroso). Na categoría feminina, despois de tres anos de vitorias das atletas da SD Compostela Atletismo, esta edición coroou ao Club Atletismo Sar, seguido do Club Deportivo Brión Hyupersa.
O mellor atleta local foi Adrián Garabato Lagares, do Club Triatlón Compostela, cun tempo de 32 minutos e 2 segundos que lle serviron para entrar no posto 29 da xeral. O segundo posto foi para o campión de 2025: Daniel García Sanjurjo, do Traileros Toxos & Birras, e o terceiro foi Eliseo Bao Souto, do PC Monte Xalo. Na categoría feminina, Albar García Marzoa e Pilar Carreira Otero repetiron primeiro e segundo postos. Incorporouse ao podio Sonia Costoya Sueiro.
Premios
Os premios foron entregados polo alcalde en función de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, e o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira Piñeiro. Estiveron acompañados polos concelleiros de Deportes, Juan Carlos Portos Bra; Xuventude, Jesús Miguel Prado; e Maiores, Jesús Francos. Todos os participantes nas probas escolares recibiron cadansúa medalla e unhas lambonadas, mentres que todos os atletas levaron unha camiseta de agasallo, cortesía de As Puntadas, e desfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, bebidas enerxéticas, leite e froita, cortesía dos patrocinadores da proba.
Manuel Ferreiro pediu desculpas aos presentes “por un erro alleo á organización pero polo que pedimos desculpas polas molestias ocasionadas, sobre todo aos corredores das primeiras probas”. Neste sentido, agradeceu a rápida intervención dos traballadores municipais e dos voluntarios de Frades para normalizar a situación o antes posible, conseguindo que a proba absoluta saíra en hora. Ademais, puxo en valor o bo traballo desempeñado pola Federación Galega de Atletismo e “a inestimable colaboración dos membros de Protección Civil de Ordes, Ambulancias Nordés e Federación Galega de Atletismo, que permitiron que a proba se desenvolvese sen incidencias; e, sobre todo, dos traballadores municipais e dos voluntarios de Frades, sen cuxo esforzo e dedicación sería imposible organizar un evento coma este”.
Finalmente, Ferreiro Marzoa tivo un especial recordo para o atleta Xesús Bernal, recentemente falecido e que non se perdera ningunha das dez edicións anteriores desta carreira. A forte ovación dos presentes ao lembrar a figura de Xesús Bernal só foi comparable ao aplauso recibido polos integrantes do club deportivo “Empujando Sonrisas”, que participaron por primeira vez e que son todo un exemplo de deporte inclusivo. Na proba, tamén tomou parte un atleta invidente, quen correu canda un guía.
A XI Carreira Pedestre Popular Concello de Frades foi organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Central de Frades SCG, Gofer Frutaría Ordes, Froitería A Nova, Amósfera Sport Sportec Ordes, Nutri Sport, Erimsa, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Pepsico, Camba Distribuciones SL, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Supermercado Tandy, Bar Vilariño, Toribio Viqueira, Imprenta Alpi, Garabato de Xogos, Artio, As Puntadas, Feiraco, Río, Adega A Coviña, Todo Saúde Clínica Integral e Carreiras Galegas.
Pese a levar catro anos retirada da competición, Paula Mayobre continúa sento a raíña absoluta desta proba, pois gañou en cinco das súas seis participacións. Unha senda á que se une Eva Piñel, que toma o relevo de Uxía Pérez Bugarín, gañadora das dúas edicións anteriores. Completan o palmarés corredoras de renome como a maratoniana Ester Navarrete, Edymar Daniely Brea ou Sandra Mosquera. Na proba masculina hai máis variedade de gañadores, pois só Lolo Penas, Nuno Costa e agora David de la Fuente foron quen de inscribir o seu nome dúas veces entre os gañadores. O resto de triunfos foron para Víctor Rioboo, Hassan Lekhili, David Santos, Pablo Bocelo e Jorge Puig.