Máis de 530 persoas celebraron a XXVII Festa dos Maiores do Concello de Frades
Máis de 530 persoas participaron na XXVII Festa dos Nosos Maiores do Concello de Frades, que tivo lugar este sábado na carballeira de San Nicolao. Unha celebración que estivo presidida polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, á fronte da corporación municipal, e o director de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba.
A XXVII Festa dos Nosos Maiores comezou coa tradicional misa das 13:30 horas. Ás 14:00 horas, mentres os comensais se acomodaban nos seus asentos, a música correu a cargo do dúo Eva e Camilo, quen volveu actuar ao final da festa e non foron poucos os que se animaron a botar unhas bailas. Antes do xantar, o alcalde de Frades agradeceu a asistencia de todos os maiores.
Un xantar, servido polo restaurante Casa Taboada (Touro), que estivo composto de empanada, polbo á feira, xarrete, sobremesa e café. O tempo acompañou, cunha xornada anubrada que deixou unha temperatura moi agradable durante o xantar e, sobre todo, cando pola tarde moitos dos presentes se animaron a saír á carballeira para desfrutar de xogos antigos aos que xogaban cando eran cativos (tres en raia, rá, chave...). A música correu a cargo dos grupos folclóricos locais Son da Terriña (Galegos) e Sarillo (Aiazo), que mesmo se animaron a tocar unha peza xuntos.
Homenaxe aos de máis de 90
Unhas actuacións que precederon á tradicional homenaxe ás persoas presentes que superaban os 90 anos, un total de 17 maiores. A curiosidade deste ano foi que, por primeira vez, o número de homes superaba ao de mulleres, e ata tres deles eran parella:
1. Teodoro Carneiro Uzal (Galegos), 96 anos.
2. Julia García Francos (Galegos), 93 anos.
3. Ramón García Ramos (Papucín) 90 anos.
4. Manuel González Neira (Papucín), 94 anos.
5. Arturo López Rodríguez (Aiazo), 91 anos
6. Consuelo Maceiras Vázquez (Papucín), 90 anos.
7. Manuel Manteiga Núñez (Abellá), 91 anos.
8. Ramón Mirás Fandiño (Galegos), 91 anos.
9. José Paz Fernández (Papucín), 92 anos.
10. Flora Ponte Suárez (Papucín), 92 anos.
11. Visitación Prado Suárez (Moar), 93 anos.
12. Antonio Regueira Sánchez (Papucín), 94 anos.
13. Amelia Sánchez Carrillo (Galegos), 90 anos.
14. Encarnación Sánchez Meijide (Moar), 90 anos.
15. Casimiro Suárez Mosqueira (Abellá), 90 anos.
16. Luís Vigo Pereira (Añá), 90 anos.
17. Emilia Pardo Miranda (Abellá), 91 anos.