Belén do Campo destaca o apoio da Xunta que recibirá o Concello de Frades para modernizar a súa potabilizadora municipal cun investimento de ao redor de 600.000€
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Frades, Roberto Rey, no marco da rolda de encontros que está a desenvolver cos rexedores da provincia co obxectivo de avaliar as necesidades prioritarias dos distintos municipios.
A delegada destacou que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a tramitar un acordo co Concello de Frades que permitirá modernizar a súa estación potabilizadora municipal. Esta infraestrutura está ao límite da súa capacidade e require dunha inversión duns 622.000 euros.
O obxectivo desta actuación é garantir a subministración de auga potable de forma segura, eficiente e con calidade mediante intervencións en estacións de tratamento e en depósitos de almacenamento para facer fronte a novas exixencias sanitarias, maiores demandas de consumo, episodios de seca, picos de demanda estacionais e problemas específicos que poden afectar a calidade da auga. No encontro ambos analizaron o informe que foi ao Consello da Xunta, o pasado luns, no que se mobilizan 31,1 millóns de euros ata 2029 para modernizar depósitos e potabilizadoras que mellorarán o abastecemento de augas a máis de 306.000 persoas en toda Galicia.
Agader
Ademais Frades tamén ten confirmada este ano outra achega de preto de 95.000 euros de Agader a través da Consellería de Medio Rural das destinadas á prestación de servizos básicos locais que impulsen tecido produtivo e a fixación de poboación en áreas rurais. En concreto, con esta achega, se levará a cabo unha reforma das instalacións de servizos sociais na Casa no Concello e do parque infantil de Ponte Carreira. Esta nova liña forma parte da decidida aposta da Xunta pola dinamización demográfica e a creación de condicións de vida de calidade no medio rural. Estas axudas chegan a 53 concellos beneficiarios en Galicia e un investimento de 5 millóns de euros ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.
Estes fondos permiten acometer diferentes actuacións para mellorar os servizos básicos nas zonas beneficiadas, como poden ser obras de mellora nas redes de alumeado público ou a execución de construción e a rehabilitación de espazos públicos, dependencias municipais e instalacións deportivas. Ademais, poden restaurarse elementos patrimoniais e a súa contorna, no caso de ser necesario, e afondar na mellora de servizos asistenciais e culturais.
Ademais, Frades tamén conta, este ano, cun apoio do Goberno galego de case 68.000 euros a través do Programa Rural Activo para a contratación de 4 traballadores. Estas subvencións teñen como obxecto promover accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais de Galicia de menos de 50.000 habitantes, a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.
Ditas persoas realizarán tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa.
Durante o transcurso da reunión, a delegada da Xunta lembrou que este ano o Concello xa ten confirmada unha achega de 7.500 euros para a prestación do servizo de socorrista na piscina municipal. Trátase de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento en instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. Con estas axudas, o Goberno galego busca fomentar a prestación do servizo de socorrismo por parte dos municipios nas épocas de maior concorrencia.
Finalmente, a delegada da Xunta destacou a importancia da colaboración institucional entre a Xunta e o Concello para dar resposta ás demandas dos veciños de Frades e avanzar na mellora das infraestruturas e servizos públicos do municipio. Así mesmo, o alcalde trasladoulle varias necesidades en materia de infraestruturas e seguridade viaria.