O Concello de Frades inviste case 165.000 € na mellora dos accesos a seis aldeas do municipio e no arranxo de dúas pistas en Abellá
O Concello de Frades vén de rematar as obras do proxecto “Pista de Fondevila a O Cabezo (Abellá) e outros”, nos que investiu 163.889 euros para mellorar os accesos a seis aldeas do municipio e arranxar dúas pistas na parroquia de Abellá. Unha actuación incluída no POS+ 2025.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “as obras incluíron a mellora dos accesos ás aldeas de A Taberna (Abellá), Meus (Añá), Sibío (Gafoi), Reboredo (Galegos), Barazón (Moar) e á área recreativa de Os Pasos, en Aiazo, unha das zonas de lecer máis concorridas do noso municipio, sobre todo durante o verán”. Ademais, Rey Martínez apunta que “seguimos coa nosa aposta polo aglomerado para mellorar as nosas pistas e os accesos aos distintos núcleos de poboación. Unha solución máis cara pero tamén a máis segura e duradeira para a nosa veciñanza”.
Obras realizadas
Nos seis casos, as obras consistiron no bacheo das pistas, previo mellora da súa capa de rodaxe con tres centímetros de aglomerado. Os traballos complementáronse coa apertura de gabias e limpeza de salvagabias para a correcta drenaxe lonxitudinal e transversal, así como a reposición da sinalización horizontal, co pintado de liñas de borde e símbolos, e vertical (coa colocación de ata 11 sinais de Stop). A maiores, no caso dos accesos á Taberna, os traballos incluíron a execución de dúas cunetas revestidas con 15 centímetros de formigón.
O proxecto tamén incluíu o arranxo de dúas pistas na parroquia de Abellá que suman 1.190 metros, cunha superficie de máis de 4.000 metros cadrados. En ambos os dous casos, as obras consistiron no bacheo previo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo da pista, que posteriormente sería mellorada na súa capa de rodaxe con 3 centímetros de aglomerado.