A segunda sesión do programa “O fío do tempo” xunta a persoas usuarias das casas niño e das casas do maior de Frades
O Concello de Frades vén de celebrar a segunda xornada de “O fío do tempo”, un novo programa de actividades compartidas entre mocidade e persoas maiores posto en marcha pola entidade local en colaboración cos Servizos Sociais da Deputación da Coruña. Nesta ocasión, tratouse dun encontro interxeracional no que participaron os maiores da Casa do Maior “Sorrisos” (Abellá) e os nenos e nenas das casas niño “Xoaniña” (Abellá) e “Axóuxere” (Galegos).
A xornada tivo lugar na Escola O Cabezo de Abellá, onde a monitora interactuou cos maiores e os cativos durante 2 horas, durante as que tivo lugar un intercambio de experiencias moi interesante e entretida. O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, participou na sesión e agradeceu a participación das casas niño e da casa do maior, a quen adiantou que despois do parón do verán “seguiremos traballando con este programa, co que buscamos é promover a transmisión de valores, inquedanzas, coñecementos e vivencias entre distintos grupos de idade”.
A primeira sesión, celebrada no mes de abril, contara coa participación das persoas usuarias das casas do maior “Sorrisos” e “O Noso Fogar”, así como mozos e mozas de 1º, 3º e 4º da ESO do CPI Ponte Carreira.