O Concello de Frades renova o convenio contra incendios e mellora cinco quilómetros de pistas forestais
• Unha brigada municipal de cinco operarios encargaráse da limpeza e mantemento de 12 hectáreas de masas comúns no municipio.
• Os traballos de mellora en estradas e vías de acceso executáronse en terreos das parroquias de Frades, Papucín, Ledoira e Añá en colaboración coa Consellería do Medio Rural e SEAGA.
O Concello de Frades volve reafirmar o seu compromiso coa prevención de incendios e a protección do contorno natural coa sinatura, un ano máis, do convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais coa Consellería do Medio Rural. A través deste acordo, o municipio volve contar cunha brigada municipal integrada por cinco membros. Este equipo de traballo coordinará ao longo dos vindeiros meses os labores de roza, desbroce e limpeza de aproximadamente 12 hectáreas de masas comúns de titularidade municipal, unha actuación clave para reducir a carga de combustible vexetal e diminuír o risco de propagación de lume. Mellora de accesos e infraestruturas forestais A maiores dos traballos da brigada local, o Concello de Frades quixo agradecer publicamente a colaboración da Consellería do Medio Rural que, a través da empresa pública SEAGA, executou recentemente actuacións de adecuación en cinco quilómetros de pistas municipais situadas en contornos forestais. Estas intervencións desenvolvéronse nas parroquias de Frades, Papucín, Ledoira e Añá. Os traballos técnicos consistiron no perfilado e apertura de gabias, a retirada de terras acumuladas e o acondicionamento da capa de rodaxe mediante o paso de maquinaria motoniveladora. Con estas tarefas faise posible unha mellor xestión das augas pluviais e mellórase notablemente a transitabilidade destas vías, garantindo un acceso rápido e seguro para os vehículos de emerxencia e medios de extinción no caso de que fose necesaria a súa intervención. Dende o equipo de goberno local subliñan a importancia de manter unha planificación constante durante todo o ano para protexer o patrimonio natural do concello e reforzar a seguridade das familias e explotacións do rural.