spacer
O delegado territorial de Educación supervisa as obras de mellora acometidas no edificio da ESO do CPI Ponte Carreira

O alcalde e o concelleiro de Ensino aproveitaron para amosarlle as necesidades do edificio de infantil

 

O delegado territorial da Consellería de Educación na Coruña, Santiago Freire Abeijón, vén de supervisar as obras de mellora acometidas no edificio da ESO do CPI Ponte Carreira (Frades). Unha visita na que estivo acompañado polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, e o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, que aproveitaron para amosarlle as necesidades do edificio de infantil. Freire Abeijón explica que “o obxectivo da visita era comprobar a boa execución dunha serie de actuacións que ían encamiñadas corrixir determinados problemas de filtracións a través dun cambio das planchas do lucernario, melloras nos canalóns e substitución de todas as baixantes do edificio. Finalmente, cambiouse o porche da entrada principal do edificio da ESO”. Edificio de infantil Acompañados pola directora do CPI Ponte Carreira, María Teresa García, alcalde e concelleiro fixeron fincapé nas necesidades do edificio de Infantil, máis antigo co da ESO. “Agradecemos as actuacións realizadas este ano e agardamos que nos próximos meses se poidan acometer melloras nas fachadas do edificio de Infantil que complementen os cambios realizados hai uns anos de substitución da cuberta e das carpinterías exteriores e persianas”, apunta o alcalde, Roberto Rey, quen sinala que “problemas puntuais na fachada e nas canalizacións fan que se filtren humidades nalgunhas aulas”. O delegado territorial tomou nota e fotografías das distintas peticións e asegurou que “daremos resposta a unhas actuacións que son necesarias acometer ben nos próximos meses, ben de cara ao próximo verán para continuar co proceso de renovación de carpinterías exteriores e fachadas xa iniciado e seguir mellorando as instalacións deste centro educativo”. De feito, apuntou que algunhas das actuacións poden executarse sen alterar o normal desenvolvemento lectivo, polo que poderían ser realizadas nos próximos meses.

Próximas actuacións do Concello

Finalmente, o concelleiro de Ensino quixo poñer en valor as boas relacións do Concello co Colexio, “que se están concretando en actuacións como o recente aglomerado e sinalización do aparcadoiro ou a compra duns postes e unha rede para a práctica do voleibol no campo de terra do colexio”. Así mesmo, indica que “en breve pintaremos a aula de tecnoloxías da información”. Así mesmo, compre lembrar que este pasado inverno Concello e Colexio afrontaron “a obras de drenaxe e saneamento do salón de actos, dando así unha solución definitiva aos problemas de humidades nesta área”, lembra Ferreiro Marzoa.

O delegado territorial de Educación supervisa as obras de mellora acometidas no edificio da ESO do CPI Ponte Carreira