Avanzan a bo ritmo as obras de mellora do centro de saúde de Ponte Carreira
O cambio da arquitectura metálica do centro está case rematado
XX de xullo de 2026 - O Concello de Frades amosa a súa satisfacción polo avance das obras de mellora da eficiencia enerxética no centro de saúde de Ponte Carreira, unha actuación que conta cun investimento de máis de 150.000 euros, financiados polo Concello e a Xunta de Galicia. A día de hoxe, xa está case rematado o cambio de toda a arquitectura metálica do centro de saúde de Frades, polo que tan so resta a instalación dos novos sistemas de calefacción e de iluminación.
As obras realizadas inclúen a incorporación dun sistema de estanqueidade e illamento térmico entre carpintaría e obra mediante aplicación dunha espuma adhesiva autoexpansiva elástica de poliuretano e substitución da carpintaría exterior acristalada por carpintaría de aluminio con rotura de ponte térmico con vidro dobre de baixa emisividade térmica.
Nos próximos días procederase á instalación dunha luminaria circular con lámpada LED suspendida e outras luminarias LED de apoio. Ademais, instalarase un sistema de bomba de calor con catro unidades interiores de aire acondicionado. Finalmente, rehabilitarase enerxeticamente a fachada e o falso teito continuo mediante illamento termoacústico de lá mineral.
Mellora do confort
O concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro Marzoa, amosa a súa satisfacción “polo avance dunhas obras que van mellorar de xeito moi considerable as instalacións e as condicións nas que se presta o servizo no centro de saúde de Ponte Carreira, o que beneficiará tanto á veciñanza como ao persoal sanitario que traballa nel”. Así mesmo, confirma que o Concello de Frades xa presentou diante da Consellería de Sanidade un proxecto de reforma da zona de urxencias por un importe de 37.122 euros.
“Pintaremos o interior de todo o centro de saúde e dotarémolo dunha sala de urxencias totalmente funcional”, apunta o Ferreiro Marzoa, quen engade que “deste xeito cumpriremos un compromiso coa veciñanza de que ao final deste mandato teriamos un centro de saúde practicamente novo”. Unha actuación que o Concello prevé acometer no primeiro trimestre de 2027.
Neste sentido, compre lembrar que no 2025 o Concello de Frades procedeu tamén ao cambio da cuberta de chapas de aceiro do inmoble por outra de placas de policarbonato translúcidas e paneis sándwich illantes de aceiro. Dese xeito acabou cos problemas de humidades no local e aumentou nun 90% a súa luminosidade.