spacer
O Concello de Frades inviste máis de 15.000 € na mellora do polideportivo de Ponte Carreira

13 de agosto de 2026.- O Concello de Frades vén de rematar as obras de mellora da eficiencia enerxética do pavillón polideportivo de Ponte Carreira, nas que investiu algo máis de 15.000 euros. Uns traballos consistentes na demolición da cumieira existente do pavillón para incorporar airexadores que favorezan o intercambio de ar e o confort térmico.

“Ademais, cambiáronse os canalóns e as baixantes. Colocouse un contrachapado de lá de roca de madeira no lateral a carón do edificio da ESO, que é o que máis soporta as inclemencias meteorolóxicas, e realizouse o cambio da porta de entrada principal por outra de maior eficiencia térmica”, explica o alcalde, Roberto Rey Martínez. Unhas obras subvencionadas pola Xunta de Galicia que permiten mellorar a eficiencia enerxética do pavillón, evitar as humidades que adoitaban producirse no inverno e que mellorarán significativa a súa acústica. “Con esta actuación, o Concello de Frades continúa mellorando as súas instalacións para maior comodidade dos numerosos veciños e veciñas que as utilizan”, indica Rey Martínez.