O Concello envía unha queixa formal a UFD Distribución Electricidad SA polo apagón e esixe información sobre o estado da rede
O Concello de Frades vén de enviar unha queixa formal a UFD Distribución Electricidad SA diante da avaría producida onte nunha liña soterrada de saída da Subestación de Cesuras que deixou sen luz a seis parroquias de Frades durante a xornada de onte martes 25 de agosto e gran parte da xornada de hoxe mércores 26 de agosto.
O Concello de Frades considera inxustificable que unha avaría poida deixar sen subministro durante máis de 17 horas ao municipio, provocando importantes perdas tanto entre a veciñanza como entre o sector empresarial. Ademais, consideramos especialmente grave a irresponsabilidade e a falta de previsión de UFD ao deixar esa liña de Cesuras como a única vía de alimentación dispoñible, toda vez que hoxe coñecemos que a segunda vía de alimentación, procedente da subestación de Meirama, permanece fora de servizo devido a unha avaría existente dende hai varios meses.
Por iso, o Concello de Frades esixe a UFD Distribución Electricidad que informe de forma urxente e actualizada sobre o estado real da rede actual de distribución eléctrica que subministran ao noso municipio e das incidencias que poden afectar ao seu correcto funcionamento.
Así mesmo, animamos a veciños e empresas de Frades a presentar as correspondentes reclamacións por danos e prexuízos provocados polo apagón, ofrecendo a colaboración do Concello no que precisen.