O Concello de Frades e a Deputación acometerán obras de mellora da seguridade viaria nos Canedos (Mesos) e O Pazo (Abellá)
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo unha reunión co alcalde de Frades, Roberto Rey, na que abordaron diferentes asuntos de interese para o municipio e, en particular, o financiamento do proxecto de mellora da seguridade viaria nos Canedos, na parroquia de Mesos, e no núcleo do Pazo, na parroquia de Abellá.
Durante o encontro, González Formoso trasladoulle ao rexedor que a achega económica necesaria para completar o financiamento provincial da actuación será incluída no vindeiro expediente de modificación de créditos da Deputación. A institución provincial achegará así un total de 117.328 euros, o 80% do investimento, mentres que o Concello de Frades asumirá o 20% restante. O proxecto conta cun orzamento global de 146.660 euros, que se articulará a través dun convenio de colaboración entre ambas administracións.
Obras
As obras permitirán mellorar as condicións de seguridade viaria en ambos os núcleos mediante o acondicionamento das marxes das vías con zahorra, pavimento de formigón e bordos de delimitación.
Nos Canedos actuarase en catro treitos de 125, 115, 170 e 125 metros. A intervención incluirá tamén a execución de 295 metros de canal de formigón para a recollida de augas pluviais, outros 295 metros de tubaxe de 400 milímetros de diámetro e dez pozos de rexistro con sumidoiro. Ademais, realizarase a canalización para o alumeado público e instalaranse 13 arquetas.
No núcleo do Pazo, os traballos desenvolveranse en dous treitos de 105 e 75 metros. Neste caso, executaranse 180 metros de canal para pluviais e 200 metros de tubaxe, ademais de seis pozos de rexistro con sumidoiro e a canalización do alumeado público, con catro novas arquetas. Unha actuación que mellorará a seguridade viaria das numerosas persoas que acceden ao camposanto.
González Formoso destacou a importancia da colaboración cos concellos para sacar adiante actuacións deste tipo, orientadas a mellorar a seguridade dos peóns e a calidade das infraestruturas municipais nos núcleos rurais. Pola súa banda, Roberto Rey interesouse polos avances na licitación da senda peonil entre Aiazo e Ponte Carreira, aprobada no Pleno Provincial do pasado mes de marzo, e aproveitou para presentarlle ao presidente provincial a proposta de creación dun itinerario peonil entre a DP-3801 e a DP-3802 dende a Igrexa de Moar ao cruce de Cimadevila, aprobado por unanimidade no pleno municipal de xullo.