A solicitude de licenza de actividade deberá presentarse para solicitar a licenza de apertura ou para a modificación substancial da que xa dispoña, de establecemento destinados a espectáculos públicos ou actividades recreativas (art. 41 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia).
Será precisa a obtención de licenza ou autorización para:

  • A apertura de establecementos e a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas que se desenvolvan en establecementos públicos cunha capacidade superior a 500 persoas, ou que presenten unha especial situación de risco, de conformidade co disposto na normativa técnica en vigor.
  • A celebración de espectáculos e actividades extraordinarias e, en todo caso, os que requiran a instalación de escenarios e estruturas móbiles.
  • A celebración dos espectáculos públicos e actividades recreativas ou deportivas que se desenvolvan en máis dun termo municipal da comunidade autónoma, conforme o procedemento que regulamentariamente se estableza.
  • A celebración dos espectáculos e festexos taurinos.
  • A apertura de establecementos e a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas cuxa normativa específica esixa a concesión de autorización.

Con anterioridade á apertura do establecemento público ou ao inicio do espectáculo público ou actividade recreativa, que exerza a súa titularidade ou as persoas encargadas da súa organización, poderán presentar unha solicitude.
A presentación dun escrito poderá ser de forma telemática a través da sede electrónica do Concello, descargar o impreso/s dende esta páxina ou acudir ao rexistro do Concello, onde lle facilitaremos o/s impreso/s normalizado/s para presentar.

Documentación

  • Solicitude de Licenza de Actividade.
  • No caso de actuar en representación, copia dos documentos de identidade do representante e o solicitante, coa autorización escrita dese último ou copia de poder para representalo.
  • Proxecto técnico, entendido como o conxunto de documentos que definen as actuacións que se van a desenvolver, co contido e detalle que lle permita á Administración coñecer o obxecto delas e determinar o seu axuste á normativa urbanística e sectorial aplicable. O proxecto que se presente incluirá o contido mínimo previsto pola normativa sobre prevención e seguridade en materia de incendios, deberá estar asinado polo/a técnico/a competente e deberá conter os datos e requisitos da normativa específica sobre edificación, prevención e control ambiental que sexan de aplicación aos proxectos construtivos e de actividades. No caso de verbenas e festas populares, cando se vaia a utilizar un escenario ou estrutura móbil, en lugar do proxecto técnico achegarase a seguinte documentación:
    1. Seguro de responsabilidade civil.
    2. Información sobre o tipo de espectáculo, previsión aproximada de asistencia de público e horario da actuación.
    3. Boletín eléctrico da instalación (asinado polo técnico competente)
    4. Declaración de conformidade da fabricante CE e copia da documentación da ITV conforme, correspondente ao escenario móbil ou documento análogo acreditativo do estado de idoneidade do mesmo (asinado por técnico competente).
  • Plan de emerxencia, plan de autoprotección, memoria de mobilidade ou estudo de avaliación da mobilidade xerada, estudo de impacto acústico e dispositivo de asistencia sanitaria, redactados de conformidade coa normativa vixente, e sempre que os seus contidos non se incorporasen ao proxecto técnico. Para verbenas e festas populares, o plan de autoprotección só será obrigatorio nos casos:
    1. Espazos cerrados con capacidade igual ou superior a 2.000 persoas, ou cunha altura de evacuación igual ou superior a 28 m.
    2. Instalacións cerradas desmontables ou de tempada con capacidade ou aforamento igual ou superior a 2.500 persoas.
    3. Ao aire libre, en xeral, aquelas con unha capacidade igual ou superior a 20.000 persoas.
  • Declaración da persoa titular ou organizadora, se é o caso, onde faga constar o compromiso de contratación dos seguros requiridos.
  • Documentación requirida pola normativa sobre ruídos, quentamento, contaminación acústica, residuos e vibracións e, en todo caso, a que determine a normativa sobre prevención e control ambiental segundo corresponda en función das características do establecemento e das actividades que se van a desenvolver nel.
  • Documento acreditativo da designación, por quen solicite a licenza, da persoa que debe asumir a responsabilidade técnica da execución do proxecto e que debe expedir a certificación que acredite a adecuación do establecemento á licenza outorgada, no cal debe constar o nome, a dirección e a titulación e habilitación profesional da persoa designada.
  • A solicitude de licenza urbanística, se é o caso, acompañada pola documentación requirida pola normativa urbanística.
  • Xustificante de pago dos tributos municipais.

Normativa

  • Ordenanza fiscal reguladora da taxa polo inicio ou modificación de actividade.
  • Lei 9/2013, de 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
  • Lei 12/2012, do 26 de decembro, de medidas urxentes de liberalización do comercio e determinados servizos.
  • Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
  • Lei 9/2002, de 30 de decembro, de Ordenación Urbanística e Protección do medio rural de Galicia.
  • Real Decreto Lexislativo 2/2008, de 20 de xuño, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Solo.
  • Lei 30/1992, do 26 de novembro, Lei do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo común.
  • Lei 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de datos de carácter persoal (LOPD).
  • Lei 11/2007 do 22 de xuño de Acceso electrónico dos Cidadáns aos Servizos Públicos (LAECSP), reguladora da tramitación electrónica de procedemento administrativo, e da interacción dos cidadáns, a través da INTERNET, coa administración Pública.
  • Lei 59/2003 do 19 de decembro, de Sinatura Electrónica. Reguladora dos procesos de sinatura e certificación electrónica de documentos.