Capela de San Roque e Cruceiro (Moar)
A capela de San Roque na parroquia de Moar, de estilo barroco, encóntrase nun contorno de grande atractivo, no medio dunha carballeira na que se celebra a romaría e na que tamén se levanta un palco da música de moderna construción.
Posúe unha planta rectangular cunha soa nave, pero composta por tres corpos a diferente altura, o cal produce un xogo de volumes cúbicos no exterior, sendo de maior altura o corpo central. Trátase dunha construción de dimensións reducidas, e nela ábrense poucos vans. Os muros son de cachotería á vista e a cuberta de tella, nos corpos dianteiro e posterior a dúas augas e no central a catro.
Como peculiaridade, cabe mencionar a presenza da espadana de silueta que lembra ás do priorato de San Martiño Pinario, desprazada cara a un lado, en lugar de encontrarse no eixo central da fachada principal, no que se dispón a porta, carente de elementos decorativos, e un pequeno van que alberga a imaxe de San Roque, santo ao que está dedicada a capela. No mesmo eixo, e como remate da cumieira, unha cruz, e nun lateral a xa citada espadana, de dous arcos e remate en pináculos.
Cruceiro San Roque (Moar)