Moar (Santa Eulalia)
Localízase o sudoeste do concello, lindando co concello de Oroso na mesma dirección. Dentro do termo municipal fai o propio coa parroquia de Galegos ao norte, Frades ao nordés e Aiazo ao leste. A súa orografía atópase salpicada de cursos que percorren a parroquia e verten as súas augas ao río Maruzo, e que polo sur fai as funcións de límite municipal co veciño concello de Oroso. Destacan principalmente o río Cabrón polo oeste e o río Maruzo polo leste. Na zona central, pola superficie que abrangue, o rego de Fonte Santaia e os diversos regatos que verten as súas augas a este.
As cotas máis altas danse na zona norte, nos Montes de Portamión e máis concretamente no Couto de Vilarello (384 m) e as máis baixas ao sur, coincidindo coa ribeira do río Maruzo, sempre dentro dos límites do concello, nas proximidades de A Garabanxa (270 m).
Ten unha superficie de 9,14 Km2 o que a sitúa como a terceira parroquia máis grande, por detrás de Abellá (10,93 Km2) e Papucín (10,87 Km2), e catro veces máis grande, se a comparamos con Céltigos, a máis pequena. Ao longo e ancho desta distribúense 20 núcleos, achegando unha das densidades de núcleo por Km2 máis altas e onde o seu asentamento non se fai de xeito homoxéneo, senón que se atopa condicionada pola orografía e repártense en dúas grandes franxas con orientación norte-sur, unha polo leste, que incluiría os núcleos de: A Pedreira de Riba, do Medio e de Abaixo, Fonte Santaia, Ás Corredoiras, O Seixo, Cornes, Canle e A Igrexa. Polo oeste teriamos: Vista Alegre, Vilarello de Riba e Baixo, O Campo, Queirís, Freixomil, Castiñeiro Redondo, Barazón e A Garabanxa.
Se ben é certo que as principais vías de comunicación, tanto da parroquia coma do concello, son a DP-3802, que discorre polo norte, entre as parroquias de Moar e Galegos, e a DP-3801, que faino segundo orientación nordés-sudoeste, queda constancia que non son as principais vías de vertebración xa que estas se basean en pistas de carácter municipal, que unen os núcleos segundo as dúas grandes franxas de asentamento, comunicando ambas as dúas coas dúas citadas estradas da Deputación.
No referente aos usos do chan, segue o patrón establecido para o resto de parroquias, cunha primeira franxa de pasteiros no ámbito máis próximo dos núcleos, que polo leste chega a enlazar cos terreos, para tal efecto, destinados na parroquia de Frades. Entre estas franxas, un mosaico de matogueira e forestal, a partir de asociación de coníferas e eucaliptos, que se estende polo norte ata a parroquia de Galegos.
Dúas son as tipoloxías de casarío características: a concentrada, como o caso de A Fonte Santaia ou Pedreira de Baixo e do Medio, con vivendas tradicionais en medianeira e a de disperso localizado de forma lineal ao longo das pistas de acceso e vinculado a elas, con alternancia da vivenda moderna e a tradicional. En ambos os dous casos atopámonos cunha marcada presenza de granxas e naves destinadas á actividade agropecuaria.
Os equipamentos principais localízanse ao sur da parroquia, nas proximidades da DP-3801 e vinculados a esta e redúcense á Igrexa Parroquial, o cemiterio e o campo da festa, sen que en ningún momento cheguen a adquirir unha relevancia superior á parroquial.
En canto á distribución de poboación dentro dos núcleos hai que facer unha dobre interpretación: en primeiro lugar e atendendo ao número de núcleos que aparecen reflectidos na toponimia da Xunta, que fala de 20 núcleos e por outro lado, a relación que achega o Instituto Nacional de Estatística, onde só saen reflectidos 7 núcleos. No primeiro caso a repartición de poboación sería máis real e pormenorizada e no segundo, o que empregaremos por ser o único do que dispoñemos datos reais, permítenos falar de núcleos que absorben grande cantidade de poboación, como son o caso de A Fonte Santaia e Pedreira, e núcleos que os fan en menor medida como son o caso de Castiñeiro Redondo, Queirís ou Vilarello.
Aldeas: O Barazón, O Campo, Canal, O Castiñeiro Redondo, Cimadevila, Cornes, A Fonte Santaia - As Corredoiras, A Fraga, Freixomil, A Garabanxa, A Igrexa, Moar, Pedreira de Abaixo, Pedreira de Riba, Pedreira do Medio, Queirís, O Seixo, Vilarello de Baixo, Vilarello de Riba, Vista Alegre