spacer
Igrexa Parroquial e Cruceiro (Céltigos)

Na igrexa de Céltigos apareceu facendo de sillar, no arco da entrada ao presbiterio, unha pedra cunha inscrición do século X, nela alúdese á fundación dunha basílica e da Casa de San Xulián, está datada no ano 969, e quizais faga referencia a un primitivo templo. 
Sitúase nunha parcela pechada, formando conxunto co cemiterio e illada do resto de edificacións. É de planta rectangular cun pequeno espazo cuadrangular engadido nun extremo da cabeceira. No alzado pódense diferenciar dous volumes, un máis elevado correspondente ao presbiterio, con cuberta a catro augas no testeiro, e a nave, con cuberta a dobre vertente, mostrando, así, un xogo de volumes característico deste tipo de construcións.
Os materiais construtivos empregados son a cachotería revocada e a cantería en esquinas e arredor dos vans; como cubrición, utilízase a tella curva.
A fachada, na que o puramente ornamental se ve substituído polo xogo xeométrico das diferentes partes, presenta o esquema tradicional con porta, óculo e espadana nun mesmo eixo central. A espadana, de dous arcos e rematada en pináculos e outro corpo máis estreito cun pequeno van, trunca o cornixamento, deixando aleróns curvos nos extremos.

Igrexa Parroquial e Cruceiro (Céltigos)

Cruceiro (Céltigos)

Localización