spacer
Pazo de Peñasco

Outro bonito pazo é o do lugar chamado O Peñasco, situado na parroquia de Abellá, no límite do Concello de Ordes. Construído no século XVII por Pedro Vázquez. Actualmente é unha propiedade privada non visitable. Sufriu numerosas remodelacións que deixaron no seu exterior a pegada do paso do tempo. Para acceder ata o Pazo de Peñasco, o visitante debe tomar a estrada que une Ponte Carreira e Ordes e desviarse seguindo a sinalización do mesmo nome, ata divisar o pazo, valado e pechado ao público en xeral. 

O edificio orixinal comezou a construílo no auxe do período barroco en España, o primeiro propietario do pazo do que existe constancia, Pedro Vázquez Vaamonde. Entre os seus principais atractivos, ademais do portalón de entrada, na actualidade totalmente reformado, aínda que mantendo a aparencia clásica do conxunto, atopa un escudo timbrado coa cruz de Malta e catro cuarteis. Neles represéntanse alusións a diferentes familias de histórico avoengo: a M dos Montenegro, os escaques de Bermúdez, a cabeza de lobo de Moscoso e un castelo.

O pazo do Peñasco é un claro exemplo do que foi a evolución construtiva deste tipo de edificacións ao longo dos séculos, xa que nel se poden apreciar distintas etapas. A actual planta en forma de “U” xorde dun volume principal de traza rectangular ao que se lle van apegando novos corpos, seguindo as necesidades dos propietarios, facendo que o pazo medre ata configurar a tipoloxía máis evolucionada na arquitectura palaciana. A entrada pode realizarse de dúas formas, ben a través do portón que elegante se recorta no muro de peche e que se abre ao patio descuberto, ou ben directamente á vivenda no volume situado á dereita do devandito acceso. Neste mesmo corpo aparece apegada unha pequena capela que mantén a tipoloxía dos vans, distinguíndose tan só pola presenza dunha sinxela espadana que, coroada con pináculos, interrompe a liña da cornixa. Recentemente levouse a cabo unha reconstrución do edificio.

Na parte posterior sitúase o xardín, que logo se ensancha dando lugar a unha grande extensión dedicada a labradíos e árbores froiteiras, onde se atopa a casa dos colonos. 

Localización