
Abellá (Santo Estevo)
Localízase ao noroeste do concello, lindando co municipio de Mesía ao norte e Ordes ao oeste. Dentro do concello, linda ao sur con Mesos e ao sudoeste con Papucín. Trátase dunha parroquia cunha suave orografía alcanzando as súas maiores cotas ao nordés da parroquia, coincidindo co Couto de Fontao (432 m) e as máis baixas nas proximidades do río Samo ao oeste, en torno aos 295 m. É precisamente este río o que fai as funcións de límite municipal ao norte e que ten como afluente principal o rego de Marís que percorre a zona sur da parroquia segundo eixe nordés-sudoeste.
A principal vía de comunicación é a AC-224 que percorre de este a oeste a parroquia e enlaza con diversas pistas de carácter municipal que dan servizo ás vivendas. Do mesmo modo, é ao longo desta ou nas súas marxes máis próximas onde se producen a maioría dos asentamentos como son o caso de Corralvello, A Taberna, Tañoi, O Pazo e Pibideira.
Ten unha superficie de 10,93 Km2 o que a sitúa, xunto a Papucín, como unha das máis grandes chegando entre ambas as dúas a achegar a cuarta parte da superficie total do concello. Ao longo desta repártense 29 núcleos, situándose como a parroquia que máis achega, se ben é certo que a densidade destes por Km2 non se atopa entre as maiores, o que dá unha idea da dispersión existente. Esta garda relación directamente co uso do chan: así cara ao leste predominan as extensións de matogueira, que se estenden ata a parroquia de Papucín. Cara ao norte a zona arborada con asociación de coníferas e frondosas ou eucalipto e no ámbito dos núcleos grandes extensións de pasteiros.
A tipoloxía característica dos diferentes asentamentos é a de casarío denso, con vivendas en medianeira e rodeadas de numerosos anexos con marcada actividade agropecuaria. Os núcleos principais localízanse ao longo da AC-224, como é o caso de A Taberna, que á súa vez é o que maior poboación achega, sendo o segundo núcleo Sobre dos Campos.
No referente aos diferentes equipamentos, a súa maioría concéntranse en Vedral, e integrados polo campo de fútbol, un pavillón polideportivo, un local social e unha antiga escola unitaria. No núcleo de Sobre dos Campos atopámonos coa Igrexa Parroquial e o cemiterio ao norte de O Pazo, sendo o seu alcance de ámbito parroquial.
Aldeas: Ansemonde, O Ar, O Barreiro, O Canedo, Carballal, Gasalla, O Castro, Chamuín, A Cheda, Corralvello, Fondevila, O Cabezo, O Fontao, Fontemouro, A Gándara, Lamela, Marís, O Pazo, Peñasco, Pibideira, O Pomariño, Quintán, Sobre dos Campos, A Taberna - Tumbadoiro, Tañoi, Vedral, A Vila
Que ver


Onde Comer

Onde Tomar Algo

Empresas

Maceira & Martínez Farmacéuticos C.B.
- Lg Taberna s/n. Abellá, Frades, A Coruña
- 981 699 777
