Papucín (Santa María)
Atopámonos coa segunda parroquia máis grande en extensión, con 10,87 Km2, solo por debaixo de Abellá (10,93 Km2) e catro veces máis grande que Céltigos, a parroquia máis pequena. Localízase ao norte do concello, lindando ao noroeste con Mesía. Dentro do termo municipal fai o propio coas parroquias de Abellá ao noroeste, Mesos ao oeste, Frades ao sur e Vitre ao sueste. As cotas máis altas danse ao norte da parroquia, nas proximidades da parroquia de Abellá, no Monte do Prado (431 m), que van descendendo suavemente cara ao sur, ata as beiras do río Gaiteiro. A este van dar a maioría dos cursos, que de norte a sur percorren a parroquia, como son o rego dous Pedrouzos polo centro, que augas abaixo recibe o nome de rego do Muíño Vello, e o rego de Mostás polo oeste.
Ben é certo que unha das principais vías de comunicación, a nivel municipal, que atravesa a parroquia polo seu extremo norte, é a AC-524, sen que esta se converta en vía de vertebración da parroquia, xa que esta se atopa integrada por unha pista de carácter municipal que percorre a mesma segundo orientación noroeste-sueste, dende a AC-524, á altura de Tañoi ata Vimieiro, para logo seguir unha orientación sur ata os núcleos da parroquia de Frades. A partir desta e seguindo as pistas de concentración parceira creouse unha sinxela armazón en forma de cuadrícula que dá acceso aos diferentes núcleos.
No ámbito máis próximo dos núcleos atopámonos con grandes franxas de pasteiros que dan paso á matogueira, que chega con 682,76 hectáreas, o que supón o 62,81% do total da superficie forestal, limitándose o resto a pequenas superficies de arboredo.
Entre os seus núcleos repártese a poboación de maneira que supón a cuarta parroquia que máis habitantes achega. En canto ao número de núcleos volvémonos atopar cunha idiosincrasia propia de todo o concello, onde o traballo de campo bota un total de 17 núcleos, recoñecidos na súa maioría na toponimia da Xunta e os datos do Instituto Galego de Estatística que só recoñecen 10, polo que a comparativa en canto á repartición da poboación se torna pouco realista. De todos eles son Quintá de Abaixo e Tarrío os que máis poboación absorben chegando entre ambos os dous a case a metade. Por outro lado temos o núcleo de A Baiuca que é o menos poboado.
A distribución destes faise de xeito heteroxéneo e nunha franxa central segundo orientación noroeste-sueste, quedando as franxas laterais, cara ás parroquias de Mesos e Frades, así como co límite municipal, ao leste, sen núcleos. Dous son as tipoloxías predominantes: por un lado o núcleo concentrado con predominio da casa rural de pedra sobre a moderna, que se localiza na periferia ou nalgúns casos desprazou á tradicional, como son o caso de Tarrío, O Prado, Vimieiro ou Quintá de Baixo e por o outro o núcleo lineal de vivendas localizadas ao longo das pistas de acceso, como son o caso de O Carballal, O Monte e O Pomariño, con alternancia da casa rural de pedra e a vivenda moderna.
En canto aos equipamentos, estes localízanse principalmente en A Igrexa, no ámbito da Igrexa Parroquial e o cemiterio, así como o campo da festa e o local social. Estes chegan ao nivel de parroquial, sendo a piscina municipal, ao sueste desta a que adquire ese valor e integrase dentro dos equipamientos a nivel xeral.
Aldeas: Consello, A Baiuca, O Carballal, A Casa Vella - A Igrexa, O Coto, A Figueira, O Foxo, Mostás, O Outeiro, O Pomariño - Monte, O Prado, Quinta de Abaixo, Quinta de Arriba, Tarrío, Vimieiro, O Zochal