Frades (San Martiño)
Localízase no centro do concello, non lindando con outros concellos, o que para tal efecto nos permite considerala como interior. Dentro deste linda ao norte con Papucín, ao leste con Vitre, ao sueste con Gafoi, ao sur con Aiazo, ao oeste con Galegos e Moar e ao noroeste con Mesos.
As cotas máis altas danse ao noroeste, nas proximidades do Monte de San Nicolau e as máis baixas nas proximidades do río Gaitero, que xunto co rego Mestas discorren ao longo da parroquia segundo eixe norte-sur.
Ten unha superficie de 5,55 Km2 (6,8% do total), o que a sitúa dentro das parroquias que se atopan por debaixo da media que se sitúa en torno aos 6,8 Km2, sendo pola contra a maior dentro deste grupo, chegando a duplicar a Céltigos (2,79 Km2). Se a comparación a facemos con respecto ao resto, observamos que ten a metade que Abellá (10,93 Km2) ou Papucín (10,87 Km2).
A súa armazón viaria baséase nunha sinxela rede de pistas de carácter municipal que percorren a parroquia segundo orientación norte-sur, polo extremo oriental, dando servizo aos núcleos localizados na zona este da parroquia (San Mauro, Os Fernandes e Vilar), que enlazan coa DP-3802 á altura do núcleo de Cimadevila, onde se sitúa o concello e o edificio multiusos, e orientación noroeste-sueste, polo seu extremo setentrional, comunicando os núcleos de San Martiño e Piñeiro.
Esa distribución heteroxénea dos núcleos condicionou a paisaxe con grandes extensións de pasteiros nas proximidades destes, que dan paso á matogueira, quedando o arboredo, a base e coníferas e eucaliptos, reducido a áreas de transición entre parroquias, sobre todo pola zona noroeste e sueste desta.
No referente ao número de núcleos, sitúase como a segunda parroquia que menos núcleos achega, 7 en total, o que supón o 5%. Relacionando este valor coa superficie, dános unha das densidades de núcleo por Km2 máis pequenas. Se atendemos ás zonas preferentes de asentamentos témonos que ir cara ao leste, aos núcleos de San Martiño e San Mauro, sendo os que máis poboación achegan. O núcleo de Cimadevila é o máis importante con respecto os servizos, non solo a escala parroquial, senón a escala municipal, xa que aquí se atopa o concello e a casa de cultura.
A tipoloxía dos núcleos segue dous patróns: unha tipoloxía lineal de vivendas localizadas ao longo da pista de acceso, como son os situados ao leste, San Martiño, San Mauro e Vilar e por o outro o núcleo concentrado como son o caso de Cimadevila ou San Martiño.
Aldeas: Cimadevila, Os Fernandes, Piñeiro, Reirís, San Martiño, San Mauro, Vilar